INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA AMPLÍA A OFERTA DE SIMULADORES PARA AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA CUNHA APLICAIÓN PARA MELLORAR O CONSUNO DE AUGA NO FOGAR

13/10/2012

- A web do Inega, www.inega.es, incorpora un novo simulador que achega información sobre o aforro enerxético e económico derivado dun consumo eficiente da auga.

- Mediante a utilización do simulador pode verse que unha vivenda con catro persoas, cun baño que incorpore mecanismos eficientes e un sistema de recollida de augas grises, aforraría ao ano 108.404 litros de auga, o que se traduce nun aforro económico de 450 euros.

- A aplicación conta, tamén, cun módulo para a xestión de augas pluviais que amosa as súas posibilidades de recollida e almacenamentos.

Santiago, 13 de outubro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, na súa aposta polo aforro e a eficiencia enerxética, ven de incorporar un novo simulador aos tres que xa ofrecía a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), para que a cidadanía poida mellorar os seus consumos e gastos reducindo custos no fogar. Neste caso, a nova aplicación permite diminuír os consumos de auga a través de comparativas entre os distintos mecanismos que ofrece o mercado hoxe en día, e o reaproveitamento das augas grises –aquelas que resultan do lavado de utensilios, roupa e máis do aseo das persoas-.

Neste sentido, cómpre salientar que o aforro de auga, aínda que non sexa quente, supón tamén un aforro enerxético xa que esta é captada, tratada e impulsada nas vivendas mediante equipamentos eléctricos como as motobombas, que consomen enerxía. Así, cada vez que se abre unha billa no fogar, a auga recibida ten que obterse, potabilizarse, transportarse e, finalmente, depurarse para pechar o ciclo volvendo ao río. Todos estes pasos levan un consumo enerxético e económico: cada m³ de auga tratada consome en todo o proceso uns 0,56 kWh, o que supón un gasto duns 0,09 euros/ m³.

Sobre esta base, o consumo final varía en función dos mecanismos empregados. Así, e como demostra a nova aplicación, unha vivenda tipo de catro persoas cun baño que utiliza mecanismos convencionais –unha billa, unha cisterna dun botón e unha ducha estándar- tería un consumo anual de auga superior aos 336.000 litros ao ano, cun custo de 1.909,9 euros por exercicio.

Como contrapartida, esa mesma vivenda, cun baño con mecanismos eficientes –unha billa con perlizador, unha cisterna de dobre botón e unha ducha termostática-, incorporando, ademais, un sistema de recollida de augas grises, aforraría ao ano 108.404 litros de auga, cifra que se traduce nun aforro económico anual para o fogar duns 450 euros: un 24% con respecto ao uso de mecanismos convencionais.

Esta nova aplicación, xa dispoñible na web do Inega –www.inega.es- conta, tamén, cun módulo para a xestión de augas pluviais, que amosa as posibilidades de recollida e almacenamentos destas augas nunha vivenda tipo, valorando as diferentes opcións para diminuír os consumos.