INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PROXECTO PILOTO DE ILUMINACIÓN PÚBLICA PROMOVIDO POR ECONOMÍA E INDUSTRIA NO CONCELLO DE BOIRO PERMITIRÁ AFORROS ENERXÉTICOS DO 55%

15/10/2012

- Substituiranse case 150 luminarias por outras máis eficientes no Paseo Marítimo de Barraña e na parroquia de Castro, na zona de Cabo de Cruz.

- O obxectivo é reducir a factura eléctrica nas zonas incluídas no estudo en preto de 3.700 euros por exercicio, evitándose a emisión á atmosfera de case 7.000 kg de CO2 ao ano, cifra equivalente a plantación de preto de 350 árbores.

Boiro (A Coruña), 15 de outubro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), está a desenvolver un proxecto piloto de iluminación pública exterior no Concello de Boiro que, segundo as primeiras estimacións, acadará aforros enerxéticos de ata un 55% nas zonas incluídas no estudo. “Trátase dunha cifra moi importante se temos en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, subliñou o director do Inega, Eliseo Diéguez, na presentación do proxecto.

convenio_Boiro
A través desta actuación substituiranse preto de 150 luminarias ubicadas no Paseo Marítimo de Barraña e na parroquia de Castro, na zona de Cabo de Cruz, instalando no seu lugar lámpadas de última xeración. O cambio permitirá, en total, un aforro enerxético de case 20.000 kWh ao ano, o que supón un aforro económico próximo aos 3.700 euros por exercicio.


Neste sentido, e segundo apuntou Diéguez, “o Concello de Boiro diminuirá a súa factura económica en torno a un 50% nas zonas beneficiadas”. Así mesmo, o conxunto da nova instalación suporá unha redución das emisións a atmosfera próxima aos 7.000 kg de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de preto de 350 árbores.

O proxecto presenta un investimento total no Concello de Boiro de case 50.000 euros, dos que o Inega achega o 40%, General Electric Lighting custea o 49%, e o municipio coruñés o 11% restante. Con esta actuación, como resaltou Diéguez, “a Consellería de Economía e Industria mostra unha especial sensibilidade cos concellos por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.

A actuación encádrase nun convenio no que participan outros tres concellos galegos –Nigrán, Taboada, e Pontedeva-, e os seus resultados servirán para estudar a implantación de novas tecnoloxías de iluminación exterior, extrapolando os resultados obtidos a outros municipios da comunidade.

O departamento que dirixe Javier Guerra continúa así prestando unha especial atención ao fomento do aforro e a eficiencia enerxética nos concellos. Así, esta actuación súmase a outra posta en marcha esta semana, e que tamén permitirá a implantación de tecnoloxía de última xeración noutros tres concellos galegos co obxectivo de aforrar enerxía e diminuír custos. Ademais, e para axudar as administracións locais, o Inega conta cunha aplicación informática que lles facilita a optimización da súa factura eléctrica, e un servizo de asesoría para concellos que resolve as distintas dúbidas que xorden no ámbito enerxético.