INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA E A ASOCIACIÓN ASPANAS COLABORAN PARA MELLORAR A EFICIENCIA ENERXÉTICA DO CENTRO DE VELLE

18/10/2012

- O Inega vén de asinar un convenio coa asociación, á que achega 5.000 euros para substituír as lámpadas fluorescentes actuais por outras de longa duración.

- Tamén se instalarán sistemas de regulación e control da iluminación en diferentes zonas do centro.

- O aforro enerxético derivado destas actuacións achégase aos 2.500 kWh/ano, reducíndose a factura enerxética en mil euros por exercicio.

Santiago, 18 de outubro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), asinou hoxe un convenio de colaboración coa Asociación de pais a favor das persoas con retraso mental de Ourense (Aspanas) que permitirá diminuír o consumo enerxético do centro co que conta a asociación en Velle e, por conseguinte, rebaixar a factura eléctrica.

convenio_InegaAsPanas
Mediante o acordo, o Inega achega 5.000 euros a Aspanas para substituír as lámpadas fluorescentes actuais, que teñen un balasto electromagnético (a parte da luminaria encargada de subministrar a corrente e a tensión adecuada de arranque e funcionamento), por outras de longa duración con balasto electrónico. Ademais, instalaranse sistemas de regulación e control da iluminación en diferentes zonas do centro como a sala de espera, os corredores da planta baixa ou o comedor.

O aforro enerxético conxunto derivado destas actuacións achégase aos 2.500 kWh/ano, cifra que permitirá reducir a factura enerxética en mil euros por exercicio grazas tanto a redución dos custos como a implantación de novas tecnoloxías. Non en vano, os balastos propostos incrementan a vida útil dos tubos fluorescentes en máis dun 50%, dotando as estancias dun maior confort e diminuíndo a fatiga visual dos usuarios.

Para a selección destas medidas, o Inega e máis Aspanas Velle elaboraron, con anterioridade, un Plan de mellora enerxética que analizou os diferentes consumos do complexo. Dito plan amosou importantes posibilidades de aforro enerxético e incorporaba distintas propostas, algunhas das cales se porán en marcha agora trala firma do convenio.

Aforros do 15% no sector servizos
O acordo asinado hoxe encádrase dentro do proxecto europeo GE2C´s, do que o Inega é o xefe de filas, e a través do cal se esta desenvolver outras actuacións e programas de optimización enerxética nas Pemes galegas. Os traballos sinalan numerosas propostas a adoptar no eido da eficiencia que, debidamente executadas, poden chegar a supor aforros enerxético medios do 15%.

O proxecto GE2C´S (Eficiencia, coxeración e xestión enerxética no sector servizos),  que se desenvolverá ata finais de 2012, encádrase dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2007-2013 e conta cun orzamento de 1.062.602,92 euros, dos cales un 75% fináncianse mediante fondos FEDER e o 25% mediante achegas dos socios participantes no proxecto: o Inega (que actúa como xefe de fila), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Confederación  de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), o Instituto de Engenharía Mecãnica e Gestão industrial (INEGI), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) e a Associação Empresarial de Viana do Castelo (AEVC).

 logos_GE2C