INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O CONCELLO DE MORAÑA PODERÁ AFORRAR PRETO DO 60% EN ENERXÍA CUN PROXECTO PILOTO DE ILUMINACIÓN PÚBLICA DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

24/10/2012

- Substituiránse preto de medio milleiro de lámpadas e equipos por outros máis eficientes en distintas zonas da localidade.

- O obxectivo é reducir a factura eléctrica en preto de 22.000 euros por exercicio, evitando a emisión á atmosfera de case 45.000 kg de CO2 ao ano, o que equivale á plantación de 2.250 árbores.

Moraña (Pontevedra), 24 de outubro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), está a desenvolver un proxecto piloto de iluminación pública exterior no Concello de Moraña que, segundo as primeiras estimacións, acadará aforros enerxéticos preto dun 60% nas zonas incluídas no estudo. “Trátase dunha cifra moi importante se temos en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, subliñou o director do Inega, Eliseo Diéguez, na presentación do proxecto.

241012_eliseodieguez_morana

A través desta actuación substituiranse preto de medio milleiro de lámpadas nas parroquias de Barosela, Alende, Souto, Vilacoba, San Lourenzo, Afieiras, Mirallos, Rodonda, Silvoso e Penagrande. No se lugar, instalaranse lámpadas de última xeración que mellorarán a calidade lumínica cunha importante redución da potencia. O cambio permitirá, en total, un aforro enerxético de case 128.400 kWh ao ano, o que supón un aforro económico próximo aos 22.000 euros por exercicio.

Segundo apuntou Diéguez, “o Concello de Moraña diminuirá a súa factura económica en máis da metade nos lugares afectados”. Así mesmo, o conxunto da nova instalación suporá unha redución das emisións á atmosfera de case 45.000 kg de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de preto de 2.250 árbores.

Con esta actuación “a Consellería de Economía e Industria mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tal e como resaltou o director do Inega. Esta iniciativa encádrase nun convenio no que participan outros dous concellos galegos –Arnoia e Boqueixón-, e os seus resultados servirán para estudar a implantación de novas tecnoloxías de iluminación exterior, extrapolando os resultados obtidos a outros municipios da Comunidade.

A Consellería de Economía e Industria continúa así prestando unha especial atención ao fomento do aforro e a eficiencia enerxética nos concellos. Esta actuación súmase a outra posta en marcha a comezos de mes, e que tamén permitirá a implantación de tecnoloxía de última xeración noutros catro concellos galegos, co obxectivo de aforrar enerxía e diminuír custos. Ademais, e para axudar as administracións locais, o Inega conta cunha aplicación informática que lles facilita a optimización da súa factura eléctrica, e un servizo de asesoría para concellos que resolve as distintas dúbidas que xorden no ámbito enerxético.