INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O CAMBIO DE HORA DA MADRUGADA DESTE SÁBADO SUPORÁ UN AFORRO ENERXÉTICO PRÓXIMO AO 0,4% NO CONSUMO ELÉCTRICO EN GALICIA

26/10/2012

- A Consellería de Economía e Industria fai especial fincapé na necesidade de utilizar a enerxía dun xeito racional durante todo o ano.

Santiago, 26 de outubro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), salienta que o cambio de hora previsto para a madrugada deste sábado –data na que finaliza o horario de verán, polo que se deberá retrasar os reloxos unha hora (ás 03.00 horas serán as 02.00 horas)–, representa un aforro potencial de enerxía en iluminación estimado no 1% para o sector doméstico, e do 3% para o sector servizos, alcanzándose unha diminución no consumo eléctrico total no conxunto de Galicia próximo ao 0,4%.

Deste xeito, o aforro motivado polo cambio de hora repercutirá sobre todo no ámbito familiar, xa que no industrial a estrutura de produción se mantén de forma constante, con independencia do horario. As cifras indicadas suporán un aforro enerxético total de máis de 6.000 tep.

Para acadar ditas cifras é necesario facer un uso racional da enerxía, en concreto da iluminación. Desde o Inega recoméndase, como medidas básicas para contribuír a ese aforro, a instauración de hábitos básicos como aproveitar en maior medida a iluminación natural ou potenciar a utilización de tecnoloxía eficiente mediante o uso de detectores de presenza, fotocélulas e outros mecanismos deste tipo.

En calquera caso, o Inega fai especial fincapé na necesidade de utilizar a enerxía dun xeito racional durante todo o ano. Así, nesta etapa de entrada do inverno recoméndase seguir determinadas pautas de comportamento de cara á utilización da calefacción, como manter a temperatura óptima (entre 20 e 22ºC) de día, apagándoa cando non é necesaria. Non en vano, o incremento dun grao na temperatura pode supoñer un incremento de consumo dun 5%.

Realizar unha ventilación axeitada do fogar, colocar válvulas termostáticas nos radiadores cos que se pode chegar a aforrar entre un 10 e un 20% no consumo de calefacción, pechar os radiadores das estancias en habitacións baldeiras e instalar illamento nas paredes e nos teitos se hai reformas na casa para reducir o consumo de calefacción, son outras medidas eficientes que a Consellería de Economía e Industria aconsella aos cidadáns que poñan en práctica para conseguir un uso axeitado e racional da enerxía.

O cambio horario que entra en vigor na madrugada deste sábado vén motivado pola Novena Directiva que rexe o denominado “Cambio de hora”, de obrigado cumprimento para todos os países da Unión Europea, vixente desde o ano 1981 e que se renova cada catro anos. Esta medida de modificación dos horarios comezou a xeneralizarse a partir de 1974, cando se produciu a primeira crise do petróleo e diversos países decidiron adiantar os seus reloxos nos meses de verán para poder aproveitar mellor a luz do sol e consumir así menos electricidade en iluminación.