INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PROXECTO PILOTO DE ILUMINACIÓN PÚBLICA PROMOVIDO POR ECONOMÍA E INDUSTRIA NO CONCELLO DE ARNOIA PERMITIRÁ AFORROS ENERXÉTICOS PRÓXIMOS AO 60%

30/10/2012

- O obxectivo é reducir a factura eléctrica nos lugares incluídos no estudo en case 20.000 euros por exercicio.

- Evitarase así a emisión a atmosfera de máis de 41.000 kg de CO2 ao ano, cifra equivalente a plantación de 2.000 árbores.

- Substituiranse máis de 360 lámpadas por outras máis eficientes.

Arnoia (Ourense), 30 de outubro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), está a desenvolver un proxecto piloto de iluminación pública exterior no Concello de Arnoia co que será posible acadar aforros enerxéticos próximos ao 60%.

A actuación comprende o cambio de máis de 360 lámpadas ubicadas en distintos lugares do municipio: Reza, Porqueira, Sindin, Laixa, A Ponte, Oliveira ou Remoiño. No seu lugar instalaranse lámpadas de última xeración que permitirán, en total, un aforro enerxético de case 117.200 kWh ao ano, o que supón un aforro económico próximo aos 20.000 euros por exercicio nas zonas afectadas.

301012_eliseodieguez_arnoia_ilum

“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos galegos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, subliñou hoxe o director do Inega, Eliseo Diéguez, na presentación do proxecto.

Neste sentido, o director do Inega explicou que “o Concello de Arnoia diminuirá a súa factura económica en torno a un 60% nas parroquias incluídas na mostra”. Así mesmo, o conxunto da nova instalación suporá unha redución das emisións á atmosfera de máis de 41.000 kg de CO2 ao ano, que equivale á plantación de preto de 2.000 árbores.

Con esta actuación, segundo destacou Diéguez, a Consellería que dirixe Javier Guerra “mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.

A actuación encádrase nun convenio no que participan outros dous concellos galegos –Moraña e Boqueixón-, e os seus resultados servirán para estudar a implantación de novas tecnoloxías de iluminación exterior, extrapolando os resultados obtidos a outros municipios da comunidade.

Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria continúa traballando no fomento do aforro e a eficiencia enerxética nos concellos galegos. Así, esta actuación súmase a outra posta en marcha a comezos de outubro, e que tamén permitirá a implantación de tecnoloxía de última xeración noutros catro municipios co obxectivo de aforrar enerxía e diminuír custos. Ademais, e para axudar ás administracións locais neste eido, o Inega tamén conta cunha aplicación informática que lles facilita a optimización da súa factura eléctrica, e cun servizo de asesoría para concellos no ámbito enerxético.