INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA FOMENTA A EFICIENCIA ENERXETICA ENTRE A CIDADANIA CUNHA NOVA GUIA DE AFORRO

19/09/2012

- A publicación ofrece consellos e pautas sinxelas para aforrar enerxía, ampliando os contidos e introducindo novas áreas como a escola ou os sistemas de climatización e calefacción.

- Entre as recomendacións que recolle sinálase que empregar o lavalouza nun programa económico e a plena carga aforra ata un 60% de enerxía.

- Tamén se advirte de que a baixada dun só grao na temperatura do frigorífico aumenta o seu consumo un 5%.

- Editáronse 1.000 exemplares da publicación –dispoñible tamén na web do Inega- co obxectivo de distribuírse entre a poboación, prestando especial atención á comunidade escolar.

Santiago, 19 de setembro de 2012.- O director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez, presentou hoxe a nova Guía práctica de aforro da enerxía, que vén de editar este departamento, como a mellor ferramenta para reforzar a aposta da Consellería de Economía e Industria polo “aforro e a eficiencia enerxética da man da potenciación das enerxías máis limpas”. “A Guía configúrase como un manual de boas prácticas que persegue fomentar as condutas máis eficientes desde o punto de vista enerxético e potenciar o uso das enerxías renovables en Galicia, con consellos e pautas sinxelas para logralo”, explicou Diéguez.

O documento, que conta con 1.000 exemplares impresos e está xa dispoñible na páxina web do Inega, supón unha ampliación do editado o ano pasado, afondando nos contidos e introducindo novas áreas como a escola ou os sistemas de climatización e calefacción. O obxectivo, apuntou Diéguez, é que “os cidadáns, en xeral, e os escolares, en particular, dispoñan de información para racionalizar o uso dos recursos enerxéticos, diminuíndo a dependencia enerxética e minorando o impacto ambiental”.

Neste sentido, a Guía, que potencia a aposta da Consellería de Economía e Industria polo aforro e a eficiencia enerxética, área cuxos programas de actuacións permiten xa aforros anuais de 65 millóns de euros, aborda o consumo doméstico, o transporte ou a xestión enerxética das comunidades de propietarios, posto que é nos fogares xunto co transporte onde máis se incrementou o consumo nos últimos anos. Ademais, dedica dous capítulos ás fontes de enerxía –un ás renovables e outro ás convencionais- explicando as vantaxes que ofrecen as primeiras e a dependencia exterior que xeran as segundas.

As precisións sobre a etiquetaxe enerxética para ter en conta á hora de mercar un electrodoméstico ou un vehículo, as posibilidades de construción en Galicia de vivendas eficientes a través da orientación ou dos cores empregados, ou un dicionario cos principais vocábulos do sector enerxético, son outros dos aspectos nos que afonda.

A través da súa lectura, os cidadáns coñecerán distintas formas para aforrar enerxía, desde empregar correctamente os electrodomésticos ata apostar por unha condución máis eficiente. Así, descubrirán que a baixada dun só grao na temperatura do frigorífico aumenta o seu consumo un 5%; ou que empregar o lavalouza nun programa económico e a plena carga aforra ata un 60% de enerxía; ou que en viaxes interurbanas o coche consome, por viaxeiro e quilómetro, case tres veces mais que o autobús.