INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA FOMENTA O AFORRO E A EFICIENCIA ENERXÉTICA PARA REDUCIR OS CONSUMOS DOS CONCELLOS GALEGOS

12/09/2012

- Técnicos municipais participan en Santiago nunha xornada práctica organizada polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega)

- O curso permitiu mellorar no coñecemento da ferramenta informática para concellos habilitada polo Inega e que propón opcións de mellora nas facturas eléctricas

Santiago, 12 de setembro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria organizou hoxe unha xornada na que participaron medio cento de técnicos municipais que puideron mellorar no coñecemento e usabilidade da ferramenta informática habilitada polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), e que facilita aos concellos galegos o cálculo de tarifas eléctricas, amosándolles tanto as posibilidades de aforro neste campo como a contratación da subministración eléctrica máis adecuada as súas necesidades.

“O desenvolvemento desta ferramenta permite aos concellos optimizar a potencia contratada e a demanda de enerxía, indicando, en cada momento, as posibles medidas a tomar para mellorar consumos e custos”, apuntou o director do Inega, Eliseo Diéguez García, durante a xornada que se desenvolveu na EGAP, e na que estivo acompañado polo vicepresidente da Fegamp, Alfonso Villares Bermúdez.

Desde a posta en marcha da ferramenta o pasado mes de xullo, os concellos interesados poden cargar os seus datos de facturación na aplicación, xa dispoñible na páxina web do Inega www.inega.es. Estes datos son analizados propoñendo medidas a tomar no subministro de enerxía para optimizar a potencia e os resultados.

Así, a aplicación comproba de xeito automático que os consumos de enerxía son coherentes e avisa tamén aos concellos que están a pagar un recargo do 20% no prezo da factura por non teres pasado ao mercado libre, ao tempo que analiza se os prezos contratados están en consonancia coa demanda enerxética municipal e co tipo de consumo realizado, evitándose que se supere a media de prezos do mercado.

Deste xeito, e como recordou Diéguez, aspírase a mellorar “os consumos enerxéticos municipais, que ascenden, de media, a case 13.000 tep/ano, e dos cales o 78% corresponde a enerxía eléctrica”.

Neste contexto, a xornada permitiu, tamén, recordar outras actuacións que está a desenvolver a Consellería de Economía e Industria xunto ás administracións locais, co obxectivo de que os cidadáns se poidan beneficiar das vantaxes do aforro e a eficiencia enerxética.

Así, durante este exercicio, o Inega habilitou un servizo de asesoría enerxética municipal no que se centraliza a atención aos concellos para que poidan resolver e aclarar as distintas dúbidas en campos como a contratación da electricidade no mercado libre, os prezos a pagar pola enerxía ou a modernización do mantemento. Este servizo tamén facilita información sobre empresas de servizos enerxéticos ou con respecto as 9 liñas de axuda que o Inega pon ao seu dispor.