INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA APOIA O DESENVOLVEMENTO DAS ENERXÍAS RENOVABLES QUE PERMITEN UN AFORRO ECONÓMICO ANUAL DE 2,5 MILLÓNS DE EUROS

13/09/2012

- Estas actuacións supoñen un importante beneficio ambiental, como a redución das emisións de CO2 en 14.000 toneladas ao ano

- A xeración térmica e eléctrica derivada destes proxectos ascende aos 45.500 MWh/ano, o que se traduce nun aforro de enerxía primaria de 4.500 tep/ano

- Diéguez subliña que a aposta polas renovables permite “unha maior diversificación enerxética, o aproveitamento dos recursos autóctonos, a mellora na protección medio ambiental, e un importante investimento asociado que permite falar da creación dunha industria autóctona e gratuíta”

Santiago, 13 de setembro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), traballa no desenvolvemento de diferentes programas de apoio ás renovables que permiten un aforro económico anual de 2,5 millóns de euros. Así, o resaltou hoxe o director do Inega, Eliseo Diéguez García, durante a súa intervención na VI Xornada sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética organizada por Expourense.

“O programa de axudas para o fomento das enerxías renovables permite acadar xa un aforro económico anual de dous millóns e medio de euros, cifra que superará os 37 millóns de euros durante a vida útil das distintas instalacións, que chega en moitos casos aos 15 anos”, subliñou Diéguez.

A xeración térmica e eléctrica derivada destes proxectos ascende aos 45.500 MWh/ano, o que se traduce nun aforro de enerxía primaria de 4.500 tep/ano. Ademais, as actuacións levan aparellado, tamén, un importante beneficio ambiental, como a redución das emisións de CO2 en 14.000 toneladas ao ano.

“A aposta polas enerxías renovables configúrase, xunto ao aforro e a eficiencia enerxética, como un dos piares básicos da política enerxética da Xunta”, explicou Diéguez, destacando que dita aposta permite “unha maior diversificación enerxética, o aproveitamento dos recursos autóctonos, a mellora na protección medio ambiental, e un importante investimento asociado que permite falar da creación dunha industria autóctona”.

Neste sentido, sinalou o crecente interese da poboación polas enerxías renovables, como se pode observar na evolución positiva do número de solicitudes. “Só de caldeiras de biomasa, no último ano recibimos preto de 2.200 peticións para a execución de distintos proxectos”, destacou.

news_20120913

A contía das subvencións varía en función do tipo de proxectos. Así, a cantidade máxima, no caso das caldeiras de biomasa, ascende ata o 30% do investimento, ampliable ata o 45% en concellos, sendo o máximo por proxecto 30.000 euros. Pola súa banda, para a promoción da solar térmica, a axuda máxima ascendeu ata o 35% do investimento, e ata o 45% para instalacións municipais.

No caso da fotovoltaica conectada á rede desenvólvense proxectos de instalacións integradas arquitectonicamente, cunha potencia máxima de 20 kW. Tamén se apoia a instalación de enerxía solar fotovoltaica illada e de instalacións mixtas, ao tempo que se fomentan actuacións en biogás e gasificación de potencia máxima de 500 kW (produción de enerxía eléctrica e/ou térmica mediante procesos de gasificación de biomasa ou aproveitamento de biogás) con axudas que ascenden a un máximo do 15% do investimento elixible.