INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

NA SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE O INEGA LEMBRA A NECESIDADE DE TRABALLAR CADA DÍA POR UN MODELO DE TRANSPORTE RESPONSABLE E SOSTIBLE

15/09/2012

- Na campaña que se desenvolve ata o vindeiro día 22, elaborase un Plan de Mobilidade para os traballadores dos servizos centrais da Xunta

- O sábado 22 celebrarase o II Rally Eficiente Sotavento que premia a máxima redución dos consumos por riba dos tempos que empreguen os participantes, para salientar a importancia da condución eficiente

- A través das actuacións promovidos neste campo, diminuíronse as emisións de CO2 en 110.000 toneladas por exercicio

Santiago, 15 de setembro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), súmase á Semana Europa da Mobilidade, unha iniciativa anual sobre mobilidade urbana sostible que se desenvolve desde hoxe ata o vindeiro sábado 22, e que persegue concienciar á cidadanía sobre a importancia do emprego dun transporte eficiente enerxeticamente.

Durante estes días poranse en marcha unha serie de actividades relacionadas co sector transporte co obxectivo de seguir reducindo o seu impacto ambiental. Neste sentido, o Inega está a elaborar un Plan de Mobilidade para os traballadores dos servizos centrais da Xunta de Galicia, avaliando hábitos de desprazamento e posibles melloras nos mesmos. A primeira fase do estudo, que se iniciará estes días, busca determinar itinerarios, modos de transporte, tempos, custos e estacionamento, co obxectivo de coñecer os principais problemas asociados a ditos hábitos e estudar a dispoñibilidade de acometer cambios no caso de que se poñan en funcionamento outros servizos.

O proxecto complementará, así, outro tipo de plans que se veñen elaborando, como os de mobilidade urbana sustentable, dos que se realizaron co obxectivo de analizar a mobilidade dos concellos e mancomunidades. Estas actuacións incluíron, tamén, a instalación de infraestruturas de recargas de vehículos eléctricos en varias cidades galegas ou a implementación dun sistema de aluguer para este tipo de coches.

Así mesmo, durante esta semana darase un novo paso no proxecto de mobilidade eléctrica iniciado recentemente. Neste sentido, instalarase no Inega o software especializado que rexistra a información xerada polos vehículos eléctricos para a elaboración dun estudo que achegue ao cidadán información de carácter demostrativa. Este software leva xa semanas recopilando información no Parque Eólico Experimental de Sotavento, contando cos primeiros resultados. Entre eles cómpre destacar o menor consumo dos vehículos eléctricos fronte aos de combustión, especialmente nos desprazamentos en cidade, que poden chegar a ser un 90% más económicos.

Ademais, esta Semana Europea da Mobilidade pecharase o vindeiro sábado coa segunda edición do Rallye Eficiente Sotavento, que terá lugar, unha vez más, nas proximidades do Parque Eólico. A iniciativa, posta en marcha o ano pasado, persegue o fomento da condución eficiente, premiando os menores consumos por riba dos tempos que empreguen os participantes.
O obxectivo da proba é premiar a aqueles condutores que logren ser máis eficientes no percorrido deseñado. Todos eles empregarán o mesmo vehículo co fin de que as medicións de consumo sexan exactas. Cada condutor percorrerá o tramo acompañado dun inspector que verificará tempos e consumos, tendo as quendas de condución unha duración aproximada de quince minutos por persoa.

Todas estas iniciativas súmanse a outras levadas a cabo pola Consellería de Economía e Industria, como o case medio centenar de actuacións para a mellora da xestión de flotas de transporte por estrada; ou a posta en circulación de preto de 800 vehículos eficientes son outras das actuacións fomentadas pola Consellería de Economía e Industria. O conxunto das mesmas permitiu non só importantes beneficios económicos, senón tamén unha importante diminución das emisións de CO2, que se reduciron nunha media de 110.000 toneladas por exercicio.