INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA AMOSA AO SECTOR PESQUEIRO MEDIDAS DE AFORRO E EFICIENCIA QUE PERMITIRAN REDUCIR NUN 23% O QUE GASTAN AS EMBARCACIONS EN ENERXIA

21/09/2012

- Un estudo elaborado por Economía e Industria reflicte que a flota galega podería aforrar 15 millóns de euros ao ano en combustible.

- O documento do Inega propón unha serie de consellos, resaltando, en primeiro lugar, a importancia do motor, cuxa mellora pode supor aforros económicos de ata 20.000 euros ao ano en función do tipo de embarcación.

- Coa substitución ou adaptación das hélices, o cambio dos cables de arrastre ou a instalación de luminarias poden conseguirse aforros de ata 10.000 euros anuais.

Portonovo (Sanxenxo), 21 de setembro de 2012.- As embarcacións do sector pesqueiro galego poderían reducir ata un 23% o que gastan en enerxía con medidas de aforro e eficiencia enerxética, tal e como sinala o Estudo de Eficiencia Enerxética no sector pesqueiro en Galicia, elaborado pola Consellería de Economía e Industria (Inega) co obxectivo de que a flota galega poida mellorar a súa productividade e competitividade.

Así o apuntou hoxe o director do Inega, Eliseo Diéguez García, durante a presentación do documento na confraría de Portonovo, na que estivo acompañado polo Secretario Xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro Cadillo.

Tal e como sinalou Diéguez, para a elaboración do estudo realizáronse auditorías enerxéticas en preto dun centenar de embarcacións representativas desta industria. Os resultados conclúen que, no caso de adoptarse as medidas propostas, e considerando que as preto de 4.400 embarcacións que suma a flota galega entre arrastreiros e artes menores teñen un consumo conxunto de 135 millóns de litros de combustible anuais, que supoñen un custo superior aos 66 millóns de euros, a posta en marcha de actuacións de eficiencia enerxética, subliñou Diéguez, “permitiría diminuír en case 20 millóns os litros de combustible, cun aforro económico de máis de 15 millóns de euros”.

Neste contexto, a análise en dous grupos das embarcacións amosa un potencial de aforro en combustible superior, próximo ao 20%, o que implicaría unha diminución de gastos do 36%. No caso dos arrastreiros, tanto o aforro económico como o de combustibles situaríase por riba do 11%.

Para acadar estes resultados, o documento propón unha serie de melloras, resaltando, en primeiro lugar, a importancia do motor, cuxa mellora pode supor aforros económicos de ata 20.000 euros ao ano en función do tipo de embarcación. Así, a substitución dun motor de gasolina por un de GLP permitiría un aforro económico próximo ao 35%.

A substitución ou adaptación das hélices, a mellora na loxística, o cambio dos cables de arrastre ou a instalación de luminarias máis eficientes son outros dos campos abordados polo estudo, ofrecendo aforros económicos que, nalgúns casos, superan os 10.000 euros anuais.

Co obxectivo de concienciar ao sector sobre a importancia destas medidas, a Consellería de Economía e Industria editou medio milleiro de exemplares deste estudo, que distribuirá entre os distintos representantes do sector en colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar. Ademais, o documento atópase dispoñible, tamén, na páxina web do Inega –www.inega.es-.

Este traballo encádrase na serie de estudos que está a realizar a Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, dos distintos sectores produtivos da economía galega. Xa se presentaron informes centrados en promover o aforro e eficiencia enerxética do sector téxtil, das explotacións de leite, e da madeira, e estase a traballar noutros que beneficiarán ao granito ou á propia Administración Pública