INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

CONCLUE CUN GRAN EXITO DE PARTICIPACION O RALLYE EFICIENTE DO INEGA EN SOTAVENTO QUE IMPULSA UNHA CONDUCION CAPAZ DE AFORRAR COMBUSTIBLE

22/09/2012

- Os resultados foron destacables, logrando un consumo medio de 5 litros e un tempo de 7 minutos, nun percorrido de case oito quilómetros cunha orografía complexa.

- Os visitantes puideron complementar a actividade coa exposición e proba de vehículos eficientes cedidos polo Inega, como bicicletas e coches eléctricos ou coches híbridos.

- Esta iniciativa conclúe as actividades da Semana Europea da Mobilidade, cuxo lema para este ano foi: “Participa nos plans de mobilidade da túa cidade: ¡móvete na boa dirección!”.

Santiago, 22 de setembro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria promove, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), unha serie de iniciativas a prol da eficiencia enerxética, o consumo responsable e o coidado do medio, para impulsar o modelo de mobilidade sostible que se promove coa celebración da Semana Europea da Mobilidade. Neste programa inclúese a celebración do II Rally Eficiente 2012, no Parque Eólico Experimental de Sotavento, que se celebrou hoxe cun gran éxito de participación ao sumar corenta participantes, que percorreron o traxecto previsto desde as 9,00 ata as 13,45 horas.

Esta iniciativa promove unha condución responsable capaz de aforrar combustible, de feito os resultados obtidos durante a proba foron destacables, lográndose un consumo medio de 5 litros cada cen quilómetros e un tempo de 7 minutos nun percorrido de oito quilómetros con complexa orografía. A actividade supuxo, así, unha demostración práctica das vantaxes da condución eficiente en situacións reais. Ademais, os visitantes tamén puideron complementar a actividade coa exposición e proba de vehículos eficientes cedidos polo Inega, como bicicletas e coches eléctricos ou coches híbridos.

Os vehículos empregados foron dous Citroën C3 iguales que perseguían que as medicións de consumo resultasen exactas. Durante o tramo, os condutores estiveron acompañados dun supervisor que verificou consumo e tempos, valorándose a media ponderada de ambas variables nunha porcentaxe de 80% e 20% respectivamente.

Nesta II Edición do Rallye Eficiente de Sotavento, os condutores máis eficientes foron Luis Riveiro Blanco, Francisco Javier Riveiro Blanco e Jesús Sardiña Río, que recibiron cheques de regalo en combustible por valor de 300, 200 e 100 euros respectivamente así como un “Planeta Renovable”, símbolo de Sotavento. O resto dos participantes foron agraciados cun diploma e con distintos agasallos conmemorativos.

O Rally conclúe á Semana Europea da Mobilidade, cuxo lema para este ano era “Participa nos plans de mobilidade da túa cidade: ¡móvete na boa dirección!”, e durante a cal o Inega puxo en marcha, tamén, un estudo de mobilidade dos traballadores da Xunta que busca determinar itinerarios, modos de transporte, tempos, custos e estacionamento, co obxectivo de coñecer os principais problemas asociados a ditos hábitos e estudar a dispoñibilidade de acometer cambios no caso de que se poñan en funcionamento outros servizos.

Estas iniciativas súmanse a outras desenvolvidas como os 14 plans de mobilidade urbana sustentable, ou os cursos de condución eficiente, que teñen formado a máis de 4.000 alumnos nunha condución eficiente, dando a coñecer un estilo de pilotaxe que permite reducir o consumo nun 15% ao tempo que diminúe o tempo dos desprazamentos e o número de accidentes.