INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PROMOVE EN OURENSE SOLUCIÓNS DE EFICIENCIA E AFORRO ENERXÉTICO PARA QUE AS EMPRESAS MELLOREN A SÚA COMPETITIVIDADE

25/09/2012

director_Inega_25-9-2012- O director do Inega, Eliseo Diéguez, salienta nun encontro organizado pola Cámara de Comercio que as actuacións desenvolvidas pola Consellería neste campo permiten un aforro económico anual de 65 millóns de euros por exercicio.

- O Inega ofrece un servizo de asesoría enerxética para orientar ás pequenas e medianas empresas en cuestións como o prezo da enerxía no mercado, a normativa ou liñas de axuda ás que teñen acceso.

Ourense, 25 de setembro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), participou hoxe en Ourense no desenvolvemento da xornada “Novidades en Aforro e Eficiencia Enerxética”, unha iniciativa promovida pola Cámara de Comercio de Ourense e que serviu para propor e concretar solucións aos distintos retos no ámbito da eficiencia enerxética.

O director do Inega, Eliseo Diéguez, salientou na presentación do acto que as actuacións desenvolvidas pola Xunta a prol do aforro e da eficiencia enerxética, tanto entre empresas como nos fogares e na propia administración pública permiten nestes momentos un aforro económico anual de 65 millóns de euros, diminuíndose as emisións de CO2 á atmosfera en case 214.000 toneladas por exercicio”.

Durante a xornada afondouse nas posibilidades que ofrece o servizo de asesoría enerxética para pequenas e medianas empresas posto en marcha este ano polo Inega e que permite plantexar directamente, e de xeito individualizado, cuestións relacionadas coa posta en marcha de melloras no ámbito enerxético como o prezo da enerxía no mercado, a normativa ou liñas de axuda ás que teñen acceso.

Ademais, os participantes puideron coñecer de primeira man as liñas de axuda ofertadas polo Inega, que facilitan a realización de auditorías enerxéticas para que as empresas analicen o seu proceso produtivo e propoñan medidas de redución do consumo; ou promoven a substitución de equipos e instalacións por outros que reduzan o consumo enerxético.

Os asistentes á xornada abordaron tamén as posibilidades que ofrece hoxe en día o mercado de servizos enerxéticos, especialmente no mundo empresarial, que terá unha especial relevancia durante os próximos anos, contribuíndo á creación de emprego e á reorientación do modelo de negocio cara o sector da eficiencia enerxética.