INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA INTRODUCE AS ÚLTIMAS TECNOLOXÍAS EN EFICIENCIA NOS SIMULADORES ON LINE DO INEGA QUE CALCULAN AS POSIBILIDADES DE AFORRO DE ENERXÍA NOS FOGARES GALEGOS

29/09/2012

- Os tres simuladores postos ao dispor das familias galegas na web do Inega tamén actualizan os custos da enerxía.

- Un fogar pode aforrar preto de 200 euros cunha lavadora, un lavalouzas, un frigorífico e un forno máis eficiente, ou diminuír a factura en máis de 300 euros evitando os consumos ocultos na televisión, o aparello de TDT ou o DVD.

- Estas ferramentas facilitan o coñecemento do custo anual de cada equipo, o aforro enerxético e económico, e o tempo que se tarda en amortizar os investimentos.

- O Inega traballa xa na posta en marcha dun novo simulador que permitirá aos usuarios mellorar os consumos de auga no fogar.

Santiago, 29 de setembro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, na súa aposta polo aforro e a eficiencia enerxética, vén de actualizar os tres simuladores que ofrece a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para que as familias poida mellorar os seus consumos e gastos enerxéticos reducindo custos nos fogares.

Dada a súa utilidade e ante o desenvolvemento de novas tecnoloxías e as modificacións nos custos da enerxía, o Inega vén de actualizar os tres simuladores que pon ao dispor dos fogares galegos. Deste xeito, os simuladores adáptanse ás novas realidades do mercado eléctrico para facilitar ao cidadán a adopción de medidas de aforro e eficiencia enerxética nas súas vivendas, tendo en conta que o consumo enerxético do fogar representa xa un 30% do total de enerxía en Galicia, representando un custo aproximado de 2.600 euros anuais.

Para reducir estes custos, os novos simuladores ofrecerán distintas alternativas aos consumidores. Así, un fogar pode aforrar preto de 200 euros contando cunha lavadora, un lavalouzas, un frigorífico e un forno máis eficiente. Ou diminuír a factura en máis de 300 euros por exercicio evitando os consumos ocultos na televisión, o aparello de TDT ou o DVD.

En concreto, na aplicación sobre electrodomésticos, o usuario dispón agora do último etiquetado que presentan estes en función da súa eficiencia enerxética, namentres que nos consumos ocultos do fogar actualizáronse as súas variacións en función do custo da enerxía e das emisións de CO2 por kWh consumido. Pola súa banda, o simulador de iluminación substitúe as lámpadas incandescentes de cores polos modelos máis recentes, actualiza as distincións entre tubos fuorescentes, e renova os datos de consumo, lumens e lumens/vatio para os halóxenos.
 
Estas ferramentas, que fan especial fincapé nos principais equipos consumidores de electricidade –electrodomésticos, iluminación e consumo oculto-, facilitan o coñecemento do consumo e o custo anual de cada equipo, as posibilidades de relevo a equipos más eficientes, o aforro enerxético e económico anual, así como a amortización da inversión.

Simulador do auga
Ademais, para continuar apoiando o aforro e a eficiencia do gasto nos fogares galegos, o Inega traballa xa na posta en marcha dun novo simulador que permitirá aos usuarios mellorar os consumos de auga no fogar a través de comparativas entre os distintos mecanismos ou o reaproveitamento de augas grises, que son aquelas que resultan do lavado de utensilios, roupa e máis do aseo das persoas.

Así mesmo, a aplicación, que estará lista nas próximas semanas, incorporará, tamén, un módulo para a xestión de augas pluviais, que amosa as posibilidades de recollida e almacenamentos destas augas nunha vivenda tipo, valorando as diferentes opcións para diminuír os consumos.