INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INVESTIMENTO DA XUNTA EN MATERIA DE ENERXÍA EN VERÍN PERMITE A MELLORA DA CALIDADE DO SUBMINISTRO ELÉCTRICO E UN AFORRO ECONÓMICO DO 60%

08/04/2013

- O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salienta que está aberta unha nova convocatoria da liña de axudas para Iluminación Pública Exterior, que conta con 3,6 millóns de euros.

- O programa permitirá desenvolver un centenar de proxectos xerando un aforro enerxético equivalente ao consumo anual de electricidade de 1.000 familias, e un aforro en custes superior aos 7,3 millóns de euros durante a vida útil dos equipos.

- Anuncia a posta en marcha, en colaboración coa Fegamp, da Unidade de Aforro Eléctrico Local, que prestará un apoio integral de asesoría enerxética en materia de subministración.

- A Unidade conta con dúas ferramentas informáticas para realizar auditorías enerxéticas on-line e revisar irregularidades na facturación, e asesora aos concellos na mediación coas empresas comercializadoras.

conselleiroVerin

Verín (Ourense), 8 de abril de 2013.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, resaltou hoxe, durante unha visita ao Concello de Verín, a importancia de promover accións de aforro e eficiencia enerxética nos municipios galegos, que supoñen importantes aforros no custo da factura contribuíndo á mellora da súa situación financeira. Así, Conde apuntou que, nos últimos catro anos, o Goberno galego leva investidos en Verín máis de 260.000 euros a través do programa de axudas para Iluminación Pública Exterior e do Fondo de Compensación Ambiental, o que lle permite acadar “aforros económicos e enerxéticos superiores ao 60% nas zonas beneficiadas”.

Neste contexto, o titular de Economía e Industria salientou que está aberta unha nova convocatoria deste programa de axudas promovido polo Inega, que conta con 3,6 millóns de euros –un 50% máis que o ano anterior- para a substitución de luminarias por outras máis eficientes. A través desta liña impulsarase a posta en marcha de medidas de aforro enerxético nun centenar de municipios galegos, que contarán cunha contía máxima da axuda do 70% do investimento.

Como novidade, este ano incentívanse os proxectos desenvolvidos por agrupacións ou fusións de concellos, que dispoñen dunha valoración un 30% superior, incrementándose tamén nun 15% a contía da axuda con respecto ao que lle correspondería a cada municipio de xeito individual.

Estímase que coa execución destes proxectos se pode obter un aforro enerxético de máis de 3.500.000 kWh/ano, o que supón o consumo anual de electricidade de 1.000 familias. Así mesmo, e como sinalou Conde, este aforro enerxético suporá un aforro en custes que pode superar os 7,3 millóns de euros durante a vida útil dos equipos, que oscila entre os 12 e os 15 anos, ademais de evitarse a emisión á atmosfera de 2.275 toneladas por exercicio.

A convocatoria desta liña, explicou Conde, complementa a outras accións encamiñadas a garantir a seguridade e calidade do subministro eléctrico, entre as que resaltou o investimento en Verín de case 4,5 millóns de euros tanto para a nova subestación como para o desenvolvemento dun Plan de mellora da subministración enerxética.

Unha resposta integral para os concellos
Neste contexto de apoio ás administracións locais, Conde anunciou a posta en marcha da Unidade de Aforro Eléctrico Local que, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), nace como un “servizo pioneiro que prestará un apoio integral de asesoría enerxética en materia de subministración”.

Esta Unidade integra un servizo multidisciplinar para resolver as dúbidas dos municipios, permitindo realizar auditorías enerxéticas on-line e revisar irregularidades na facturación a través de ferramentas informáticas dispoñibles na páxina web do Inega. Ademais, por medio do Laboratorio de Metroloxía desenvolveranse inspeccións co obxectivo de verificar o correcto funcionamento dos contadores naqueles concellos que o soliciten.

Así mesmo, a Unidade conta coa participación do Instituto Galego de Consumo, que asesorará á Fegamp na súa mediación coas empresas comercializadoras. Para ilo, refórzase a oficina de atención da Fegamp, que incorporará persoal especializado en realizar ditas mediacións. E nos casos nos que non prospere a mediación, a Dirección Xeral de Industria e o IGC abrirán expedientes sancionadores. O obxectivo, explicou Conde, e prestar o apoio necesario aos concellos para “racionalizar o consumo de enerxía e solucionar os posibles erros na facturación”.