INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

MEDIO CENTENAR DE PROFESIONAIS FÓRMANSE NO INEGA EN CERTIFICACIÓN ENERXÉTICA DE EDIFICIOS

18/01/2013

- A Consellería de Economía desenvolveu dous cursos nos que se abordou o emprego das ferramentas informáticas de cualificación enerxética dos edificios xa existentes.

- Desde o ano 2009, téñense instruído máis de 3.000 técnicos especialistas en enerxética edificatoria, incentivándose a promoción de 24 edificios de alta eficiencia enerxética.

- As actuacións desenvolvidas neste sector permiten obter, nestes momentos, un aforro económico anual superior aos 10 millóns de euros, evitando a emisión a atmosfera de preto de 41.000 toneladas CO2 por exercicio.

Santiago, 18 de xaneiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de celebrar durante o último mes dous cursos sobre “Cualificación Enerxética de Edificios Existentes” que permitiron formar a medio centenar de profesionais no ámbito da eficiencia enerxética no sector da edificación, instruíndoos nos novos programas informáticos que permitirán cualificar enerxeticamente as vivendas xa existentes.

Deste xeito, contribúese a formar, informar e concienciar aos axentes afectados pola nova normativa enerxética edificatoria –que incluirá edificios xa existentes fronte a cualificación que se esixía ata o de agora que afectaba soamente á edificios novos-, propiciando que se consuma menos enerxía e dun xeito máis racional no sector, de modo que se minimice o seu consumo enerxético.

Estes cursos de formación de profesionais favorecen á mellora enerxética do sector da edificación, que presenta en Galicia un consumo de enerxía final próximo ao 20%. Así, a certificación enerxética dos edificios permite coñecer os consumos de enerxía que se estiman necesarios para satisfacer a demanda dun edificio nunhas condicións normais de funcionamento e ocupación. A mellora neste apartado supón, ademais dunha revalorización do mesmo e de importantes aforros económicos, a redución de emisións de CO2 á atmosfera.

A certificación de eficiencia enerxética permite verificar a cualificación obtida polo edificio nesta materia. Trala súa comprobación, procédese á expedición dun certificado de eficiencia enerxética que oscila entre a categoría A e a F. Os profesionais que participaron no curso –arquitectos, arquitectos técnicos, enxeñeiros e enxeñeiros técnicos- recibiron a formación necesaria para a utilización das ferramentas informáticas de cualificación enerxética dos edificios xa existentes.

Esta iniciativa complementa a outras xa desenvolvidas pola Consellería de Economía e Industria durante os últimos anos no sector da edificación, e que permiten obter nestes momentos un aforro económico anual superior aos 10 millóns de euros, evitando a emisión a atmosfera de preto de 41.000 toneladas CO2 por exercicio.

Neste sentido, desde ano 2009 téñense formado máis de 3.000 técnicos especialistas en enerxética edificatoria, incentivándose a promoción de 24 edificios de alta eficiencia enerxética (clase A ou B). Así mesmo, realizáronse case 2.300 inspeccións periódicas de eficiencia enerxética a instalacións térmicas de edificios, detectándose posibilidades de aforro de ata un 90%; ou púxose en marcha o Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética na Administración Pública, que aspira a acadar un aforro enerxético do 20% nos edificios administrativos, aspirando a reducir a súa en 100 millóns durante a próxima década.