INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O CAMBIO DE HORA DA MADRUGADA DESTE SÁBADO SUPÓN UN AFORRO ENERXÉTICO PRÓXIMO AO 0,4% NO CONSUMO ELÉCTRICO EN GALICIA

28/03/2013

- A Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, fai especial fincapé na necesidade de utilizar a enerxía dun xeito racional durante todo o ano.

Santiago, 28 de marzo de 2013.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), salienta que o cambio de hora previsto para a madrugada deste sábado –data na que comeza o horario de verán, polo que se deberán adiantar os reloxos unha hora (ás 02.00 horas serán as 03.00 horas)–, representa un aforro potencial de enerxía en iluminación estimado no 1% para o sector doméstico, e do 3% para o sector servizos, alcanzándose unha diminución no consumo eléctrico total no conxunto de Galicia próximo ao 0,4%.

Deste xeito, o aforro motivado polo cambio de hora repercutirá sobre todo no ámbito familiar, xa que no industrial a estrutura de produción se mantén de forma constante, con independencia do horario. As cifras indicadas suporán un aforro enerxético total de máis de 5.600 tep.

Este cambio de hora permite un maior aproveitamento das horas de luz, o que suporá empregar a luz solar para o desempeño de distintas actividades durante o día, reducindo deste xeito os consumos enerxéticos.

Para alcanzar este potencial de aforro, é preciso levar a cabo un uso racional e responsable da enerxía a través de pautas sinxelas como prescindir da luz artificial cando non é estritamente necesaria; utilizar tecnoloxías de aforro en iluminación de baixo consumo; instalar sensores que apaguen ou regulen a iluminación artificial ou optar pola renovación de fiestras para evitar a fugas de calor.

Estes hábitos, sumados a outros como unha correcta climatización das vivendas, o adecuado funcionamento dos electrodomésticos, ou o seguimento de pautas de condución eficiente, pode permitir ao cidadán, sen renunciar ao confort, diminuír o seu consumo enerxético anual en máis dun 30% ademais de evitar emisións contaminantes á atmosfera.

O cambio horario vén motivado pola Novena Directiva que rexe o denominado “Cambio de hora”, de obrigado cumprimento para todos os países da Unión Europea, vixente desde o ano 1981 e que se renova cada catro anos. Esta medida de modificación dos horarios comezou a xeneralizarse a partir de 1974, cando se produciu a primeira crise do petróleo e diversos países decidiron adiantar os seus reloxos nos meses de verán para poder aproveitar mellor a luz do sol e consumir así menos electricidade en iluminación.