INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

FEIJÓO SUBLIÑA QUE A ESTRATEXIA DE IMPULSO Á BIOMASA PREVÉ A MOBILIZACIÓN DE 450 MILLÓNS EN INVESTIMENTOS ATA 2020, A CREACIÓN DE 1.000 EMPREGOS E AXUDAS DIRECTAS QUE SUPERAN OS 89 MILLÓNS

21/07/2014

- O presidente da Xunta presenta ante o sector a Estratexia de Impulso á Biomasa 2014-2020, para convertela nunha industria punteira e situar Galicia como referente estatal.

- Destaca que o proxecto nace co obxectivo de “potenciar unha nova industria ao servizo da recuperación económica” de Galicia, creando unha “auténtica industria da biomasa” que lle posibilitará á Comunidade ser “líder” a nivel español.

- “Temos ante nós unha oportunidade económica que permite o aproveitamento de todo o potencial que ofrecen os nosos montes”, asegura, salientando a aposta por unha industria que abrangue toda a cadea de valor do produto, que permite fixar emprego no rural e que está en consonancia cos obxectivos da RIS3.

- Trátase de potenciar unha enerxía limpa, capaz de reducir a dependencia enerxética de Galicia dos derivados do petróleo; de mellorar a xestión e o rendemento dos montes galegos contribuíndo á prevención de incendios; que impulsa o aforro e a eficiencia enerxética; e protexe o medio natural ao reducir as emisións de CO2.
- Adianta que as empresas do sector poderán amparar os seus produtos baixo o selo Galicia Calidade, que recoñecerá as condicións relativas á orixe, calidade, produción e sustentabilidade, de modo que a biomasa terá unha certificación “que garanta a súa orixe 100% galega”.

- Considera que a industria da biomasa será unha “nova ferramenta” que contribuirá a que a recuperación económica “sexa unha ola á que subirse o antes posible e coa que trazar a economía do futuro”.

Presidente_Biomasa

Santiago, 21 de xullo de 2014.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que a Estratexia de Impulso á Biomasa 2014-2020 prevé unha mobilización de 450 millóns de euros en investimentos ata o ano 2020, axudas directas que superan os 89 millóns de euros e a xeración de 1.000 postos de traballo. Durante o acto de presentación desta iniciativa ante o sector e os axentes implicados, o mandatario galego explicou que este proxecto nace co obxectivo de “potenciar unha nova industria ao servizo da recuperación económica” da nosa Comunidade, creando “unha auténtica industria da biomasa en Galicia”, unha actividade empresarial “punteira” que nos permita ser “líderes e referentes” nesta materia a nivel estatal.

“Temos ante nós unha oportunidade económica que permite o aproveitamento de todo o potencial que ofrecen os nosos montes”, aseverou Feijóo, salientando a aposta, tanto do sector como das administracións, por unha industria que abrangue toda a cadea de valor do produto, que permite fixar emprego no rural e que está en consonancia cos obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente, RIS3, que Galicia presentou en Europa.

Na súa intervención, o xefe do Executivo autonómico lembrou que a Comunidade galega dispón dunhas características naturais privilexiadas, conta con abundante materia prima e cunha elevada masa forestal (o 50% de toda España), que representan “claras vantaxes que Xunta e sector estamos dispostos a aproveitar”. Unhas capacidades que, abundou, “redundarán no despegue da biomasa como fonte de enerxía de presente, pero sobre todo, de futuro, ao tempo que fortalecerán a nosa industria madeireira”.

“Temos ante nós a oportunidade dunha enerxía limpa”, engadiu, unha enerxía capaz de reducir a dependencia enerxética de Galicia dos derivados do petróleo; de mellorar a xestión e o rendemento dos montes galegos, contribuíndo á prevención de incendios forestais; de impulsar o aforro e a eficiencia enerxética en familias, empresas e organismos oficiais en ata 70 millóns € /ano; e de protexer o medio natural, coa conseguinte redución de emisións de CO2. Así, coa valorización de 275.000 toneladas por ano de biomasa que se prevé acadar con esta estratexia evitaríase a emisión á atmosfera de 246.000 toneladas de CO2 anualmente.

Neste contexto, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou a importancia dunha Estratexia que permitirá desenvolver unha industria para a que Galicia conta xa cunha base sólida. Temos, “os recursos e a experiencia suficiente para asegurar a calidade e intensidade do subministro. E temos o potencial necesario para garantir a sustentabilidade do recurso”, incidiu.

Conde destacou a oportunidade de, coa participación de todos os axentes implicados, “desenvolver unha verdadeira industria ligada á valorización enerxética dos nosos bosques”, que permita poñer en valor o monte galego favorecendo unha xestión que facilite o seu desenvolvemento económico, creando e fixando emprego no rural, e profesionalizando a xestión forestal.

Incremento da demanda e aposta pola innovación
O presidente da Xunta explicou que a Estratexia Integral de Impulso á Biomasa, “completa e a longo prazo”, marca catro eixes para “alcanzar o futuro ao que queremos chegar e, con realismo, ao que podemos aspirar”, dixo. Respecto ao primeiro deles, Feijóo sinalou que “é realista” pensar que existe unha ampla marxe para incrementar a demanda da biomasa e tamén “vontade da Administración” para que así sexa. A este respecto incidiu en que a estratexia fomentará que concellos, industria agroalimentaria e particulares consuman este combustible, comezando pola propia Administración galega, coa instalación dunha rede de enerxía térmica baseada na biomasa no complexo de San Caetano. “Pero tamén é realista aspirar a unha maior demanda de biomasa porque os datos demostran que as galegas e os galegos están dispostos a confiar nesta industria en substitución dos combustibles fósiles”, engadiu o presidente da Xunta, indicando que así se puxo de manifesto tras a publicación da orde anual de axudas para a instalación de caldeiras, por máis de 9 millóns de euros, que se esgotou en menos de 24 horas.

Feijóo remarcou que, se este primeiro eixe “está en disposición de cumprirse”, é necesario traballar noutros tres, empezando pola mellora da oferta e das capacidades do sector a través da innovación tecnolóxica, algo que, asegurou, “queremos facer conxuntamente”, tanto coa colaboración e implicación dos emprendedores “dispostos a abrise a novas ideas e tendencias”; como coa colaboración do CIS Madeira para propiciar novos proxectos industriais; e co compromiso da Administración –a través das Consellerías de Economía e Industria e do Medio Rural e do Mar- para “darlle absoluta prioridade a todos aqueles proxectos que introduzan a biomasa como actividade preferente”.

Orixe amparada no selo Galicia Calidade
“Desde a Xunta de Galicia non quixemos limitar ao ámbito técnico e financeiro o noso apoio á biomasa. Pensamos que existe tamén un terceiro eixo fundamental para poñer en valor este sector, que é o referido á orixe e á calidade galega”, abundou Feijóo, destacando que por iso se decidiu incorporar á estratexia unha decisión “das máis importantes”: a de “achegar valor engadido” aos emprendedores que fortalezan o sector “con materia prima de Galicia, creatividade de Galicia e dirección desde Galicia”. Así, as empresas do sector poderán amparar os seus produtos baixo o selo Galicia Calidade para poder recoñecer as condicións relativas á orixe, calidade, produción e sustentabilidade. “É dicir –subliñou-, que tamén a biomasa poida contar cunha certificación que garanta a súa orixe 100% galega.

Como cuarto piar da estratexia está a formación e a divulgación, “o propósito de convocarnos continuamente para seguir avanzando e mellorando día a día”, sinalou Feijóo, obxectivo no que será esencial o papel do Foro da Biomasa que se creará cos axentes económicos, administrativos e sociais do sector.

Importancia do sector da biomasa na recuperación económica
Na súa intervención, o presidente galego situou a Estratexia Integral de Impulso á Biomasa como unha “ferramenta” que contribuirá a recuperar “os niveis de progreso que tiñamos antes da crise”. “Haberá quen se pregunte se merece a pena esta aposta por un sector aínda por desenvolver en Galicia, e mesmo descoñecido en moitos eidos da nosa sociedade. A resposta é que si”, aseverou, argumentando que limitar a estratexia económica aos sectores históricos “sería insuficiente”. “Tal cousa só nos permitiría, no mellor dos casos –dixo- volver á economía do pasado que se ten demostrado vulnerable ante as dificultades”.

Por iso avogou por atopar “novas ferramentas” para que a recuperación “sexa unha ola á que subirse o antes posible e coa que trazar a economía do futuro”, ferramentas entre as que, dixo, se atopa a biomasa. “O sector da biomasa é unha proba palpable de que temos potencial propio que aproveitar, capacidades propias por desenvolver e vontade para facelo”, aseverou.

“Temos ante nós unha oportunidade galega”, por canto permitirá pechar toda a cadea de valor, “unha enerxía dos galegos, xerada polos galegos e destinada para os galegos”, concluíu.