INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA ACTIVA UNHA CAMPAÑA PARA RESOLVER AS DÚBIDAS DOS CONSUMIDORES ANTE A NOVA FACTURA ELÉCTRICA

02/06/2014

- O Instituto Galego de Consumo e o Inega colaboran para achegar á cidadanía o contido do recibo e consellos para aforrar no consumo de electricidade.

- Explícanse os cambios do novo modelo a través dun folleto informativo que será distribuído entre os cidadáns.

- Sepárase a asignación dos prezos da enerxía no conxunto do recibo, facilitando ao consumidor a súa comprensión.

- Apúntanse os distintos tipos de contratación e a nova modalidade de Prezo Voluntario ao Pequeno Consumidor (PVPC).

- A información estará dispoñible tamén nas webs do Instituto Galego de Consumo e do Inega, que contan con simuladores que facilitan ao cidadán a comprensión da factura e o aforro enerxético.

- Con respecto ao novo modelo adiantado polo Goberno, a Xunta fai unha valoración positiva ao ter sido Galicia a primeira comunidade que solicitou un modelo tipo uniforme, comprensible e transparente para o consumidor.

- O labor desenvolvido desde o IGC en defensa do consumidor ten permitido que o 77% das reclamacións relacionadas coa enerxía eléctrica presentadas no que vai de ano se resolveran xa de xeito favorable para o consumidor.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2014.- A Xunta de Galicia pon en marcha unha campaña que ten por obxectivo resolver as dúbidas dos consumidores ante o novo escenario e o novo recibo eléctrico. Así o indicou hoxe a xerente do Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz Chesa, quen salientou que, deste xeito, o Goberno galego segue a traballar na protección dos dereitos dos consumidores no eido da tarificación eléctrica.

Con este fin, a Consellería de Economía e Industria, a través do IGC e do Instituto Enerxético de Galicia, activa a campaña “As claves da factura eléctrica”, unha iniciativa que persegue facer máis comprensible ao consumidor a nova factura no eido da reforma eléctrica levada a cabo polo Goberno central.

Para isto, tense elaborado un documento informativo que explica de modo breve e sinxelo os cambios que se van producir na factura, como a inclusión da modalidade do Prezo Voluntario do Pequeno Consumidor (PVPC) ou a nova TUR, antigo bono social. Ao mesmo tempo, sepárase a asignación dos prezos da enerxía no conxunto do recibo, e achéganse consellos de aforro e eficiencia enerxética.

Neste sentido, o novo documento ofrece consellos sinxelos para aforrar enerxía, comezando pola revisión da potencia contratada. Non en van, cada kW desta ten un custo duns 50 euros anuais. Así, achéganse as potencias recomendadas conforme ao equipamento da vivenda. Ademais, afóndase na discriminación horaria, que permite aforros de máis dun 10% na factura; e apóstase pola eficiencia enerxética coa substitución de lámpadas ou electrodomésticos por outros de baixo consumo.

A información, xa dispoñible nas webs de ambos organismos –igc.xunta.es e inega.xunta.es, distribuirase nas vindeiras semanas entre a cidadanía coa difusión do documento nas oficinas do IGC das sete grandes cidades, nas asociacións de consumidores e nos propios concellos galegos. Así, explicou Muñoz Chesa, “o Goberno galego pretende axudar de modo sinxelo e efectivo a entender o novo escenario de prezos da electricidade, así como o novo modelo de factura”.

Con respecto a este novo modelo, a xerente do IGC realizou unha valoración positiva, lembrando que foi Galicia a primeira comunidade que solicitou un modelo tipo uniforme, comprensible e transparente para o consumidor que permitira entender que é o que realmente se lle está a facturar.

“No eido da protección dos dereitos dos consumidores, apreciamos un continuo incremento de reclamacións e consultas”, sinalou a xerente do IGC. Así, no que levamos de ano recibíronse máis de 1.500 reclamacións, resolvéndose a favor do consumidor o 77% das mesmas. “Estas cifras acadáronse grazas á canle directa de comunicación coas principais comercializadoras de Galicia, que temos activado recentemente permitíndonos axilizar os trámites”, incidiu.

Outras actuacións
Un esforzo que dá continuidade a outras iniciativas como a campaña Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización que ten permitido desde decembro facilitar a formación de máis de medio cento de profesionais das asociacións de consumidores e dos concellos a través de distintos talleres, ou manter diversos encontros cos usuarios a nivel local resolvendo as dúbidas que se presenten.

Así mesmo, a páxina web do IGC activou un simulador eléctrico que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta separa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

“O consumo de enerxía das familias galegas representa xa un 30% do total da Comunidade, supoñendo, de media, uns 2.600 euros anuais, polo que un dos piares da estratexia da Xunta é o fomento do aforro e os seus beneficios ambientais e económicos”, explicou Emérito Freire, director do Departamento de Aforro e Planificación Enerxética do organismo.

Neste contexto, o Inega conta con tres simuladores que fan especial fincapé nos principais equipos –electrodomésticos, iluminación e consumo oculto-, facilitando o coñecemento do consumo e o custo anual de cada equipo, as posibilidades de relevo a equipos máis eficientes, o aforro enerxético e económico anual, así como a amortización da inversión.