INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PROXECTO DE ILUMINACIÓN EXTERIOR DE BÓVEDA PERMITIRÁ AFORROS ECONÓMICOS DE ATA UN 60%

13/08/2014

 - A iniciativa, para a que a Consellería de Economía e Industria achega preto de 300.000 euros e na que participan outros 6 concellos lucenses, reducirá a factura eléctrica conxunta en 40.000 euros por exercicio.

 
- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, resalta a importancia dunha liña que permite desenvolver este ano 5 proxectos de agrupación municipais nos que participan 29 concellos de Lugo.
 
- Desde a súa posta en marcha no ano 2009, o programa suma 40 proxectos na provincia contribuíndo ao aforro enerxético dos seus municipios.
 
- A delegada territorial, Raquel Arias, incidiu na importancia de xestionar estes investimentos a través de agrupacións de concellos, o que permite abordar actuacións máis ambiciosas optimizando os custos e os recursos.
 
Bóveda (Lugo), 13 de agosto de 2014.- A Xunta de Galicia, no seu afán por impulsar medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local, vén de resolver a liña de axudas para a renovación da iluminación pública exterior. Neste sentido, e como destacou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, nunha visita ao concello de Bóveda na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, a través deste programa a Consellería de Economía e Industria facilita este ano a substitución de luminarias por outras máis eficientes en 5 agrupación municipais nas que participan 29 concellos lucenses que verán diminuída a factura eléctrica das zonas beneficiadas en ata un 60%. 
 
Entre estas agrupacións figura a do concello de Bóveda, na que tamén toman parte os municipios de Paradela, Sarria, A Pobra de Brollón, Quiroga, Folgoso do Courel e Monforte de Lemos. A actuación suporá un aforro na factura eléctrica anual da agrupación de máis de 40.000 euros nas zonas beneficiadas, e un aforro enerxético de arredor de 233.000 KWh/ano. 
 
Deste xeito, o concello de Bóveda aforrará máis de 3.500 euros por exercicio; Paradela, máis de 6.000 euros; preto de 16.100 euros no caso de Sarria; 1.000 euros en A Pobra de Brollón; en Quiroga preto de 4.500 euros; arredor de 2.500 euros en Folgoso do Courel; e máis de 5.000 euros en Monforte de Lemos. Así mesmo, o conxunto das novas instalacións suporán unha redución das emisións á atmosfera de preto de 150 toneladas de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de 7.570 árbores.
 
“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Bernardo Tahoces. Deste xeito, resaltou, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.
 
Raquel Arias incidiu na importancia de xestionar estes investimentos a través de agrupacións de concellos, o que permite abordar actuacións máis ambiciosas optimizando os custos e os recursos. Neste programa, apuntou, a Consellería de Economía e Industria achega preto de 300.000 euros distribuídos entre os 7 municipios participantes. Así, os concellos de Bóveda, Paradela, Sarria, Quiroga e Monforte de Lemos percibirán 51.000 euros cada un; máis de 16.000 euros o concello de A Pobra de Brollón; e 25.500 euros o de Folgoso do Courel.  
 
Grazas a este investimento, explicou Arias, no concello de Bóveda, en concreto, substitúense 152 luminarias e cinco cadros de mando, á vez que se eliminan dous cadros existentes, co que se logra pasar dun consumo anual de 53.209 KWh a 29.197 KWh, e unha redución das emisións contaminantes de 5.595 quilogramos de CO2
 
Neste contexto, o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, resaltou a importancia dunha liña que ten permitido desenvolver preto de 40 proxectos na provincia desde o 2009, contribuíndo ao aforro enerxético dos municipios lucenses. Así mesmo, explicou, durante os últimos cinco anos máis de 230 municipios galegos están a apostar polo aforro e a eficiencia enerxética grazas a esta orde de axudas.