INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA IMPULSA A EFICIENCIA ENERXÉTICA DE PONTEAREAS CUN PROXECTO DE ILUMINACIÓN QUE PERMITIRÁ AFORROS DE ATA UN 60%

14/08/2014

- A iniciativa, que conta cun investimento de máis de 170.000 euros e na que participan outros 4 concellos pontevedreses, reducirá a factura eléctrica conxunta en preto de 40.000 euros por exercicio.
 
- A Xunta destinou este ano 4,5 millóns de euros a este programa do Inega, dos cales 1,3 corresponden á provincia de Pontevedra, onde se promoveron 6 proxectos de agrupacións municipais de ata 9 municipios.
 
Ponteareas (Pontevedra), 14 de agosto de 2014.- A Xunta de Galicia, a través do programa para a renovación de iluminación pública exterior, está a impulsar o aforro e a eficiencia enerxética entre os concellos galegos. Neste sentido, e como destacou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, nunha visita ao concello de Ponteareas na que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, a través desta liña a Consellería de Economía e Industria facilita a substitución de luminarias por outras máis eficientes con aforros de ata o 60% na factura eléctrica das zonas beneficiadas.  
 
Neste sentido, a actuación suporá un aforro enerxético de 234.000 KWh/ano, e un aforro económico de 40.000 euros na factura eléctrica anual da agrupación, na que participan, ademais de Ponteareas, os concellos de Fornelos de Montes, Salceda de Casela, Mos e Mondariz-Balneario. Así, o concello de Ponteareas aforrará por exercicio 2.600 euros; Fornelos de Montes, máis de 8.500 euros; 4.500 euros no caso de Mondariz-Balneario; 7.500 euros, Salceda de Caselas; e arredor de 16.400 euros en Mos. O conxunto das novas instalacións suporán unha redución das emisións á atmosfera de máis de 150 toneladas de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de máis de 7.600 árbores.
 
A Consellería de Economía e Industria achega máis de 170.000 euros para o desenvolvemento deste proxecto. Deste xeito, como indicou Cores Tourís, o concello de Fornelos de Montes recibe preto de 42.000 euros; Salceda de Caselas, 51.000 euros; Mondariz-Balneario, 17.000 euros; Mos, arredor de 26.000 euros; e Ponteareas, 34.000 euros. En total, modificaranse un total de 429 puntos de luz no conxunto dos cinco concellos.
 
“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Bernardo Tahoces. Deste xeito, resaltou, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.
 
42 concellos de Pontevedra
Segundo apuntou o delegado territorial, a Xunta de Galicia destinou este ano 4,5 millóns de euros a este programa de iluminación exterior do Inega, un 15% máis que na anterior convocatoria, “dos cales 1,3 corresponden á provincia de Pontevedra, onde se promoveron 6 proxectos de agrupacións municipais de ata 9 municipios”. 
 
En total, 42 concellos da provincia de Pontevedra téñense beneficiado xa dun programa que lles permite instalar equipos máis eficientes e que, desta volta, promoveu unha vez máis os proxectos colaborativos como o de Salceda de Caselas, Fornelos de Montes, Mos, Ponteareas e Mondariz-Balneario, que viron incrementada a contía da axuda ata o 85%, fomentándose así a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.