INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PROXECTO DE EFICIENCIA ENERXÉTICA DE MORAÑA, CUNTIS, CALDAS DE REIS E PONTECESURES PERMITIRÁ AFORROS ECONÓMICOS DE MÁIS DO 70%

25/02/2014

- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visita as melloras levadas a cabo en Moraña grazas ao programa de Iluminación Pública do Inega.

- As actuacións da agrupación municipal reducen a factura eléctrica en case 42.000 euros por exercicio, o que suporá un aforro enerxético de preto de 280.000 KWh/ano.

- Resalta que está aberta unha nova convocatoria que incrementa o seu orzamento un 15% ata chegar a 4,5 millóns.

- Destaca a importancia da cooperación municipal no desenvolvemento deste tipo de iniciativas que facilitan a redución de custos na factura eléctrica e contribúen á mellora da calidade de vida dos cidadáns.

Moraña (Pontevedra), 25 de febreiro de 2014.- A Xunta de Galicia, no seu afán por impulsar medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local prestando apoio económico aos concellos galegos, ten activado un ano máis a liña de axudas para a renovación da iluminación pública exterior. Neste sentido, durante unha visita ao concello de Moraña, o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, subliñou a importancia deste programa promovido polo Inega, que permitiu o ano pasado impulsar distintos proxectos de cooperación municipal entre os que se atopa o desenvolvido en Moraña, Cuntis, Caldas de Reis e Pontecesures, que teñen permitido acadar aforros de máis do 70% na factura eléctrica das zonas beneficiadas.

Así, a actuación supón un aforro na factura eléctrica anual da agrupación de case 42.000 euros, e un aforro enerxético de 280.000 KWh/ano. Deste xeito, o concello de Moraña aforrará por exercicio case 12.000 euros, Cuntis máis de 8.500 euros, preto de 9.000 euros no caso de Caldas de Rei e máis de 12.500 euros Pontecesures. O conxunto das novas instalacións suporán unha redución das emisións á atmosfera de preto de 182.000 Kg de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de 9.000 árbores.

Bernardo Tahoces, que estivo acompañado na súa visita polos alcaldes de Moraña, Cuntis e Caldas de Rei, e polo tenente alcalde de Pontecesures, salientou a importancia deste proxecto de colaboración que ten permitido “mellorar a eficiencia enerxética das catro vilas” contribuíndo a diminución dos custos na súa factura eléctrica. “A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou.

Neste contexto, o director xeral recordou que a Xunta ten aberta unha nova convocatoria, que incrementa o seu orzamento nun 15% ata chegar aos 4,5 millóns. O programa conta cunha contía máxima da axuda do 70% do investimento, incentivando unha vez máis os proxectos desenvolvidos por agrupacións ou fusións de concellos, que dispoñen dunha valoración un 30% superior, incrementándose tamén nun 15% a contía da axuda con respecto ao que lle correspondería a cada municipio de xeito individual.

Con esta actuación, resaltou o director de Enerxía e Minas, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.