INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PROXECTO DE EFICIENCIA ENERXÉTICA DO SAVIÑAO, SOBER E PANTÓN PERMITIRÁ AFORROS ECONÓMICOS DE MAÍS DO 70%

14/03/2014

- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visita as melloras levadas a cabo no Saviñao grazas ao Programa de iluminación pública do Inega.

- As actuacións da agrupación municipal reducen a factura eléctrica en case 13.000 euros por exercicio, o que suporá un aforro enerxético de máis de 92.000 KWh/ano.

- Este programa leva mobilizados preto de 23 millóns desde 2009 contribuíndo a que 170 municipios diminúan a súa factura eléctrica.

- Resalta que a convocatoria deste ano incrementou o seu orzamento un 15% ata chegar a 4,5 millóns.

- Destaca a importancia da cooperación municipal nun programa que o ano pasado impulsou a eficiencia enerxética en máis de 20 municipios da provincia.

O Saviñao (Lugo), 14 de marzo de 2014.- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou hoxe as actuacións de mellora da iluminación pública levadas a cabo no Saviñao. Durante a visita, Bernardo Tahoces subliñou a importancia dun programa que está a permitir impulsar distintos proxectos de cooperación municipal entre os que se atopa o desenvolvido no Saviñao, Sober e Pantón, con aforros de máis do 70% na factura eléctrica das zonas beneficiadas.

Neste sentido, a actuación supón un aforro na factura eléctrica anual da agrupación de case 13.000 euros, e un aforro enerxético de 92.000 KWh/ano. Deste xeito, o concello do Saviñao aforrará por exercicio máis de 2.000 euros; Sober, case 4.000 euros; e Pantón, 6.700 euros. O conxunto das novas instalacións implican unha redución das emisións á atmosfera de máis de 60.000 Kg de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de máis de 3.000 árbores.

Bernardo Tahoces, que visitou as melloras en compañía do alcaldes dos tres concellos lucenses que integraron esta asociación municipal, salientou a importancia dun proxecto de colaboración que ten permitido “mellorar a eficiencia enerxética das tres vilas” contribuíndo a diminución dos custos na súa factura eléctrica. “A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou.

Neste contexto, o director xeral recordou o éxito alcanzado por este programa nos últimos anos, mobilizando desde o 2009 máis de 23 millóns de euros en diversos actuacións de eficiencia enerxética contribuíndo á mellora da iluminación pública 170 concellos galegos. Ante a importancia destas cifras, explicou Bernardo Tahoces, a Xunta abriu este ano unha nova convocatoria, que incrementou o seu orzamento nun 15% ata chegar aos 4,5 millóns.

Con esta actuación, resaltou o director de Enerxía e Minas, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”. Neste sentido, lembrou que a convocatoria do ano pasado impulsou actuacións de eficiencia enerxética en máis de 20 municipios da provincia, contribuíndo á mellora da calidade de vida dos seus habitantes.