INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA LIDERA UN PROXECTO EUROPEO QUE IMPULSA A EFICIENCIA ENERXÉTICA NO TECIDO EMPRESARIAL DAS TIC

21/03/2014

 - O director do Igape, Javier Aguilera, presenta a iniciativa ENTIC, que conta co instituto como xefe de filas e co Inega como socio de referencia.

- Salienta que o proxecto servirá para apoiar a transición das pemes cara a modelos enerxéticos sostibles baseados nas tecnoloxías da información e da comunicación, estimulando novas oportunidades de negocio e emprego.

- O programa de cooperación transfronteiriza conta cun orzamento de case 700.000 euros e a participación de distintas asociacións e institutos de Galicia e do norte de Portugal.

Santiago, 21 de marzo de 2013.- O director do Igape, Javier Aguilera, participou hoxe na presentación do proxecto ENTIC de cooperación transfronteiriza entre Galicia e Norte de Portugal. O programa, liderado polo Igape e que conta tamén co Inega como socio de referencia, ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento e a incorporación ás pemes de medidas de eficiencia enerxética e solucións e ferramentas TIC que permitan reducir as emisións contaminantes á atmosfera.

Neste sentido, o director do Igape amosouse convencido de que este programa de cooperación facilitará melloras competitivas ao tecido empresarial da eurorrexión, apoiando a súa transición cara a modelos enerxéticos sostibles e intelixentes baseados nas solucións TIC. Así mesmo, e segundo explicou, o proxecto deberá servir tamén para estimular novas oportunidades de negocio e emprego tanto en Galicia como no Norte de Portugal.

O director do Igape subliñou a importancia do aforro e a eficiencia no sector industrial, que representa o 45% do consumo final de enerxía en Galicia. Por este motivo, explicou, a eficiencia enerxética é un dos recursos de aforro económico máis rendibles para incidir na súa competitividade ao permitir ás empresas obter os mesmos bens con menos consumo, mantendo a mesma ou maior calidade nos servizos prestados, e a un prezo inferior.

Nesta liña, Aguilera sinalou que o desenvolvemento do programa terá unha dimensión práctica directa, dado que inclúe a prestación de servizos de aforro e eficiencia enerxética ás pemes, que poderán, deste xeito, mellorar a súa competitividade.

Para acadar este obxectivo, no proxecto participan, ademais do Igape e o Inega, o Instituto Tecnolóxico de Galicia, a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), a Agência de Energia do Ave (AEdoAVE), o Instituto de Engenharia Mecânica e Gestão Industrial (INEGI), a União das Associações Empresariais da Região Norte (UERN) e a Associação Empresarial de Viana do Castelo (AEVC).

Esta nova iniciativa de cooperación transfronteiriza entre Galicia e Norte de Portugal conta cun orzamento total de preto de 700.000 euros, do que a Consellería de Economía e Industria achega case 280.000 a través do Igape e do Inega. O proxecto está financiado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).