INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

CONDE SALIENTA QUE O NOVO HUB DE GNL DE REGANOSA FARÁ DE FERROL O CENTRO DE DISTRIBUCIÓN ENERXÉTICA DO NOROESTE

05/05/2014

- Reganosa, a USC, o Porto de Ferrol, Navantia e o Inega participan na iniciativa, apoiada pola UE, que permitirá subministrar combustible aos buques impulsados por gas e que abrirá novas oportunidades para os estaleiros.

- O proxecto abre novas oportunidades para Ferrol e para Galicia, especialmente para Navantia, pola súa capacidade na reparación de buques, e para o porto ferrolán, pola súa posición xeoestratéxica e o incremento de tráficos que se producirá grazas a esta infraestrutura

- O conselleiro de Economía e Industria destaca que a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) impulsará a innovación na construción e reparación de embarcacións que usen GNL como combustible, colocando á ría de Ferrol –desde a propia Navantia ata o porto- no grupo de cabeza deste novo sector.

Mugardos (A Coruña), 5 de maio de 2014.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que o novo HUB de Gas Natural Licuado de Reganosa fará de Ferrol o centro de distribución enerxética do noroeste. Conde asistiu á presentación do proxecto para implantar en Reganosa esta infraestrutura, que permitirá subministrar o GNL como combustible a barcos impulsados por gas.

O proxecto está integrado na iniciativa europea TEN-T, que busca promover a innovación e as novas tecnoloxías para as infraestruturas que contribúan á descarbonización do transporte, e resulta dunha alianza entre a propia Reganosa, a Xunta a través do Inega, Navantia, a Universidade de Santiago e a Autoridade Portuaria de Ferrol.

“O potencial deste proxecto é especialmente grande para o porto de Ferrol”, dixo Conde, que resaltou que a dársena pode ver multiplicado o seu tráfico: atópase nun punto xeograficamente estratéxico –o corredor de Fisterra- por onde pasan 55.000 buques ao ano, e vai ser un dos poucos puntos de reabastecemento de GNL na ruta cara a Europa do Norte. E Ferrol destacou o conselleiro, podería buscar aliados entre eses poucos puntos da fachada atlántica, ofertando servizos conxuntos con portos de Portugal.

“Significará ademais unha gran oportunidade para os nosos estaleiros, en ámbitos como a construción de novos buques que utilicen este combustible, a reconversión de embarcacións xa construídas, e a súa reparación”, salientou o conselleiro. Tres ámbitos nos que a demanda europea será cada vez maior, debido á directiva europea que limita considerablemente o xofre no combustible dos buques a partir do 2020, abrindo o mercado para combustibles máis limpos como o GNL.

Esa normativa impulsará o GNL como combustible clave na descarbonización do transporte marítimo, e incrementará o traballo dos estaleiros preparados para construír e reparar buques deste tipo.

De aí a importancia do traballo conxunto de estaleiros como Navantia e a propia Reganosa, sinalou Conde, que pode dar froitos tanto no subministro de combustible a través do HUB como como no eido dos propios gaseiros que transportan GNL por todo o mundo.

Neste senso, o conselleiro destacou que a alianza permitirá pechar os círculos virtuosos de Reganosa, o seu porto, e Navantia: no primeiro, os gaseiros chegan a Reganosa para descargar, repáranse en Navantia, e voltan a cargar en Reganosa antes de partir. No segundo, os buques poden repostar GNL, descargar mercancía e ser reparados na ría de Ferrol. E ambos, en paralelo, melloran o coñecemento e a competitividade dos estaleiros galegos para construír máis buques deste tipo. Estas vantaxes, destacou Conde, aumentarán a competitividade de Galicia.

RIS3
“Estamos convencidos de que a ría de Ferrol e o seu tecido industrial –desde a propia Navantia ata o porto- se colocarán no grupo de cabeza deste novo sector”, dixo Conde, que ligou esa competitividade á oportunidade que suporá para a industria galega a Estratexia de Especialización Intelixente, RIS3. Un documento co que Galicia, respaldada pola Unión Europea, guiará a mobilización de 1.600 millóns de euros en investimentos innovadores ata 2020.

“Un dos focos de investimento será o financiamento de proxectos innovadores de sistemas de combustible de Gas Natural Licuado en buques, outorgando vantaxes competitivas aos nosos estaleiros para acadar contratos de construción deste tipo de buques”, resaltou Conde, que apuntou a oportunidade que para Reganosa e para Galicia pode supoñer a decisión de moitos países do leste de Europa de buscar alternativas á dependencia enerxética que teñen de Rusia.