INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA DUPLICA O ORZAMENTO DO INEGA CO OBXECTIVO DE POTENCIAR O SEU PAPEL COMO MOTOR DA SOSTIBILIDADE ENERXÉTICA DE GALICIA

06/11/2015

- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, salienta que as actuacións do organismo no 2016 buscan seguir a “fomentar o aforro económico e enerxético, a mellora ambiental, e a formación e información”.

 - Subliña que os fondos dedicados a potenciar o aforro e a eficiencia enerxética e o emprego de fontes renovables duplícanse ata superar os 31 millóns.

- Destinaranse máis de 16 millóns, multiplicando por 7 o esforzo do presente exercicio, a impulsar o aforro e a eficiencia na industria e nas administracións.

- A biomasa suma 12,6 millóns no marco da Estratexia que está a desenvolver a Xunta para fixar industria e emprego no rural.

- Sinala que coas distintas actuacións previstas aspírase a acadar un aforro anual de enerxía de máis de 43.600 tep, unha redución dos custos de abastecemento enerxético de 17,5 millóns e a creación de preto de 1.000 empregos.

Santiago, 6 de novembro de 2015.- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, destacou hoxe no Parlamento a aposta da Consellería de Economía, Emprego e Industria polo aforro e a eficiencia enerxética e o fomento das fontes renovables como eixos fundamentais da súa política enerxética. Neste sentido, Bernardo Tahoces sinalou que os orzamentos do Inega para o 2016 “case se duplican” con respecto ao presente exercicio, superando os 34 millóns co obxectivo de potenciar o seu papel como “motor esencial da sostibilidade enerxética de Galicia”.
 
“A razón deste crecemento radica en que o Inega ten conseguido a confianza do Goberno e da Unión Europea, e froito desa confianza recoñécese ao Instituto como órgano xestor de fondos Feader e, por primeira vez, de fondos Feder”, subliñou Bernarndo Tahoces. Deste xeito, explicou, o Inega seguirá a traballar do modo máis eficiente posible na consecución dos seus obxectivos centrados no aforro económico, no aforro enerxético, na mellora ambiental sostible e na formación e información de consumidores e prescritores.
 
Por este motivo, explicou, duplícanse os fondos destinados a potenciar a eficiencia e o uso de enerxías renovables, que chegarán ata os 31 millóns de euros. Neste marco, afondou Bernardo Tahoces, destínanse máis de 16 millóns de euros, multiplicando por 7 o esforzo do pasado ano, a impulsar o aforro e a eficiencia na industria e nas administracións públicas.
 
E no eido das renovables, a principal aposta será, unha vez máis, a biomasa térmica, que suma 12,6 millóns para reforzar a Estratexia que está a desenvolver o Goberno Galego. Unha Estratexia que, segundo recordou, busca fixar industria e emprego no rural e incrementar a demanda dun recurso barato e limpo, e que xa ten incentivado o uso de preto de 2.400 caldeiras desde o seu inicio.
 
Ademais, informou Bernardo Tahoces, mantense o orzamento para outras enerxías como a xeotermia, a aerotermia ou a solar térmica, ás que se apoiarán con 1,3 millóns tras o impulso neste 2015 de 285 proxectos.
 
O director xeral subliñou que o Inega potenciará tamén o seu labor no eido da formación, a divulgación e a colaboración con entidades sen ánimo de lucro, destinando a estes campos preto de medio millóns de euros. Un esforzo investidor que, destacou, “encamíñase á construción dunha conciencia colectiva en favor dun uso racional da enerxía”. Para isto, impulsarase a formación en renovables e eficiencia enerxética dos instaladores galegos, desenvolverase un programa de formación para os membros da Comunidade terapéutica do Proxecto Home no seu centro de Cernadas, ou celebrarase a primeira Feira Estatal da Enerxía no recinto feiral de Silleda.
 
Así mesmo, Bernardo Tahoces subliñou o traballo que ven realizando o Inega, con actuacións como o Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética no sector público 2009-2014, que acadou aforros de preto de 20 millóns neste período, e que terá continuidade cunha nova actuación ata o 2020; ou como actor principal das distintas actuacións en materia de eficiencia enerxética en Galicia durante estes años, que permiten xerar aforros anuais de máis de 80 millóns de euros en empresas, familias e administración pública.
 
Unha Galicia máis sostible
Todas estas actuacións, explicou Bernardo Tahoces, consolidan ao Inega como “a ferramenta necesaria para conseguir unha Galicia máis sostible”. De feito, indicou, a meta dos distintos programas é acadar un aforro anual de enerxía de máis de 43.600 tep, evitando a emisión á atmosfera de máis de 75.000 toneladas; unha redución dos custos de abastecemento enerxético de 17,5 millóns; e a creación de preto de 1.000 empregos.
 
“Grazas ao esforzo de todos, pero tamén coa axuda do Inega, Galicia está a mellorar dun xeito importante os indicadores enerxéticos máis relevantes”, salientou. Así, a cota de renovables na produción eléctrica da Comunidade supera xa o 55%, fronte ao 40% previsto polo Plan de Acción Nacional de Enerxías Renovables – PANER 2011-2020, e o consumo de enerxía final tense reducido nos últimos 5 anos de 6.800 Ktep a 6.000 Ktep.