INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A CAMPAÑA DÁLLE LUZ Á TÚA FACTURA INFORMARÁ O MÉRCORES EN MOS, PONTEAREAS E A CAÑIZA SOBRE AS CLAVES PARA AFORRAR NO RECIBO ELÉCTRICO

05/12/2016

  - No marco da iniciativa impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, o 7 de decembro desenvólvese esta xornada, a partir das 12.30 horas, no auditorio do multiusos de Mos, desde as 16.00 horas no auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas, e a partir das 18.30 horas no Concello da Cañiza.

- Durante este encontro, indicarase aos consumidores como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria.

- A iniciativa, que chegará a 15 concellos da provincia de Pontevedra, conta cunha nova ferramenta web na que os usuarios reciben recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico.
 
- Os consumidores poden realizar consultas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais.
 
Santiago, 5 de decembro de 2016.- A iniciativa Dálle luz á túa factura, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, chegará o próximo mércores, 7 de decembro, aos municipios pontevedreses de Mos, Ponteareas e A Cañiza. Nestas xornadas informarase aos consumidores das claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas en aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. 
 
Os encontros terán lugar no auditorio do multiusos de Mos (lugar das Pozas, Petelos) a partir das 12.30 horas; na sala multiusos do auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas (rúa Doutor Fernández Vega, s/n) desde as 16.00 horas; e no salón de plenos do Concello da Cañiza (rúa de Oriente, 11) ás 18.30 horas.
 
O ciclo de xornadas informativas de Dálle luz á túa factura está impulsada pola Xunta a través do Instituto Galego de Consumo (IGC) e do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). En total, chegará a máis de 70 concellos da comunidade, dos que 15 están na provincia de Pontevedra. De feito, o próximo mércores, ademais de Mos, Ponteareas e A Cañiza, a campaña desenvolverase noutros dous municipios pontevedreses: Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.
 
Durante estes encontros, préstase atención ao aforro e a eficiencia enerxética, ademais de achegarse información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas.
 
Os consumidores tamén poden acceder nas webs do Inega e do IGC a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura. 
 
Estas ferramentas súmanse ás tarefas de información e asesoramento que se desenvolven a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).