INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A CAMPAÑA INFORMATIVA DÁLLE LUZ Á TÚA FACTURA CHEGA O PRÓXIMO MÉRCORES AOS MUNICIPIOS DE LUGO, BECERREÁ E GUITIRIZ

12/12/2016

  - No marco desta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, o 14 de decembro desenvolveranse encontros na Casa da Cultura de Becerreá ás 12.00 horas, no centro sociocultural de Fingoi de Lugo a partir das 16.00 horas, e na aula Cemit de Guitiriz desde as 18.45 horas.

- Os asistentes recibirán información sobre como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria.

- Esta campaña, que chega a 16 concellos da provincia de Lugo, conta cunha nova ferramenta web na que os usuarios reciben recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico.
 
- Os consumidores tamén poden consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais.
 
Santiago, 12 de decembro de 2016.- A campaña Dálle luz á túa factura, que está a impulsar a Consellería de Economía, Emprego e Industria, chegará o próximo mércores aos municipios de Becerreá, Lugo e Guitiriz, onde se informará aos consumidores sobre as claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas en aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. 
 
Durante a xornada están programadas charlas na Casa da Cultura de Becerreá (rúa Eulogio Rosón, s/n) a partir das 12.00 horas; no centro sociocultural de Fingoi (rúa Armórica, s/n), en Lugo, desde as 16.00 horas; e na aula Cemit de Guitiriz (rúa do Concello, 42) ás 18.45 horas.
 
Os técnicos prestarán especial atención durante as charlas ao aforro e a eficiencia enerxética, e achegarase ao público asistente información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas. 
 
Estas xornadas informativas, desenvolvidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego de Consumo e do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), chegarán a máis de 70 concellos galegos, 16 na provincia lucense. De feito, as charlas de Becerreá, Lugo e Guitiriz lévanse a cabo o próximo mércores tras celebrarse hoxe en Quiroga, Monforte de Lemos e Sarria.
 
Os consumidores poden acceder tamén nas webs do Instituto Galego de Consumo e do Inega a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura. 
 
Estas ferramentas complementan así o labor de información e asesoramento que se desenvolve a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).