INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

OS MUNICIPIOS CORUÑESES DE RIBEIRA E PADRÓN ACOLLERÁN O PRÓXIMO XOVES A CAMPAÑA INFORMATIVA DÁLLE LUZ Á TÚA FACTURA

13/12/2016

  - O 15 de decembro, no centro cultural Lustres Rivas de Ribeira e no auditorio de Padrón, celébranse novas xornadas no marco desta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

- O público asistente recibirá información sobre como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria.

- Esta iniciativa, que chega a 22 concellos da provincia da Coruña, conta cunha nova ferramenta web na que os usuarios reciben recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico.
 
- Os consumidores poden consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais.
 
Santiago, 13 de decembro de 2016.- A campaña informativa Dálle luz á túa factura, que está a desenvolver a Xunta a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, chegará o próximo xoves, 15 de decembro, aos municipios de Ribeira e Padrón, onde se informará aos consumidores sobre as claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas en aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. 
 
As charlas están programadas no centro cultural Lustres Rivas de Ribeira (rúa Manuel Lustres Rivas, 20) a partir das 16.00 horas e no auditorio de Padrón (Campo do Souto, 2) desde as 18.45 horas. Durante as xornadas prestarase especial atención ao aforro e a eficiencia enerxética, e achegarase ao público asistente información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas. 
 
Esta campaña informativa, desenvolvida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego de Consumo e do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), chegará a máis de 70 concellos de toda Galicia, dos que 22 corresponden á provincia da Coruña.
 
Os consumidores tamén poden acceder nas webs do Instituto Galego de Consumo e do Inega a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura. 
 
Estas ferramentas complementan así o traballo de información e asesoramento que se desenvolve a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).