INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A CAMPAÑA DÁLLE LUZ Á TÚA FACTURA CHEGARÁ O VENRES A VIGO PARA INFORMAR SOBRE AS CLAVES PARA AFORRAR NO RECIBO ELÉCTRICO

14/12/2016

 - No marco da iniciativa impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, o próximo 16 de decembro desenvólvese esta xornada ás 12.00 horas na Delegación da Xunta na cidade viguesa.

- Nesta charla informarase aos consumidores sobre como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria.

- Esta iniciativa, que chega a 15 concellos da provincia de Pontevedra, conta cunha nova ferramenta web na que os usuarios reciben recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico.
 
- Os consumidores tamén poden realizar consultas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais.
 
Santiago, 14 de decembro de 2016.- A iniciativa Dálle luz á túa factura, que promove a Xunta a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, chegará o próximo venres, 16 de decembro, á cidade de Vigo. Durante esta xornada informarase aos consumidores das claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas en aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. 
 
Durante este encontro, que terá lugar na sede da Delegación da Xunta en Vigo (na sala A, primeira planta, na torre principal, na rúa Concepción Arenal, 8), a partir das 12.00 horas, préstase especial atención ao aforro e a eficiencia enerxética, ademais de achegarse información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas.
 
Este ciclo de xornadas informativas de Dálle luz á túa factura está impulsado a través do Instituto Galego de Consumo (IGC) e do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). En total, a campaña chegará a máis de 70 concellos da comunidade, dos que 15 están na provincia de Pontevedra. 
 
Os consumidores tamén poden acceder nas webs do Inega e do IGC a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura. 
 
Estas ferramentas súmanse ás tarefas de información e asesoramento que se desenvolven a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).