INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

OS CONCELLOS DE CANGAS E SOUTOMAIOR ACOLLEN AS ÚLTIMAS XORNADAS DA CAMPAÑA DÁLLE LUZ Á TÚA FACTURA NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

21/12/2016

  - A iniciativa, impulsada pola Xunta a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, desenvolverase o próximo venres, 23 de decembro, no Concello de Cangas ás 16.00 horas e no Multiusos de Arcade de Soutomaior a partir das 18.30 horas.

- O público asistente recibirá durante estes encontros información sobre como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria.

- Esta campaña, que chega así a 15 concellos da provincia pontevedresa, conta cunha nova ferramenta web na que os usuarios poden recibir recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico.
 
- Os consumidores tamén poden realizar as súas consultas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais.
 
Santiago, 21 de decembro de 2016.- A campaña informativa Dálle luz á túa factura, impulsada pola Xunta a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, estará o próximo venres, 23 de decembro, nos municipios de Cangas e Soutomaior, rematando así as xornadas desta iniciativa na provincia de Pontevedra. Durante estas xornadas, os consumidores terán a oportunidade de coñecer as claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas en aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. 
 
Os encontros están programados para as 16.00 horas no Salón de Plenos do Concello de Cangas (avenida Castelao, 2) e para as 18.30 horas no Multiusos de Arcade de Soutomaior (rúa Peirao, 8). Durante estes encontros, préstase atención ao aforro e a eficiencia enerxética, ademais de ofrecerse información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas. 
 
Esta iniciativa organizada a través do Instituto Galego de Consumo e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) achégase a máis de 70 concellos da comunidade, dos que 15 están na provincia de Pontevedra. 
 
Os consumidores tamén poden acceder nas webs do Inega e do Instituto Galego de Consumo a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura. 
 
Con estas ferramentas complétanse as tarefas de información e asesoramento que se desenvolven a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).