INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA MOBILIZARÁ 31 MILLÓNS DE EUROS PARA IMPULSAR A EFICIENCIA ENERXÉTICA NA INDUSTRIA A TRAVÉS DE 200 PROXECTOS

27/12/2016

 - A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede 5,4 millóns de euros nesta convocatoria pública que favorece o uso de enerxías limpas na industria e o sector servizos e promove a elaboración de auditorías e a mobilidade con combustibles alternativos ao gasóleo e á gasolina.

- Estas axudas autonómicas permitirán a redución de consumo enerxético e de emisións de CO2 en 10.700 toneladas anuais, ao tempo que contribuirán a que o conxunto dos beneficiarios aforren 6 millóns de euros ao ano.

- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, destacou que este programa contribúe ao impulso da competitividade e da Industria 4.0, diminuíndo os custos enerxéticos e adquirindo equipos máis eficientes.
 
- Trátase da segunda resolución deste ano, o que permite ao Inega en 2016 mobilizar máis de 60 millóns de euros en 429 iniciativas que xerarán 500 postos de traballo e reducirán as emisións de CO2 en máis de 21.000 toneladas cada ano, o que equivale a plantar máis dun millón de árbores.
 
Santiago, 27 de decembro de 2016.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria continúa a impulsar o seu compromiso coa eficiencia enerxética. En concreto, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas vén de resolver unha nova convocatoria a través da que concede axudas para 198 proxectos industriais, cun importe total de 5,4 millóns de euros, o que permitirá a mobilización de 31 millóns, un aforro estimado ao conxunto dos beneficiarios de 6 millóns ao ano e a redución das emisións de CO2 en 10.700 toneladas anuais, o equivalente a plantar 537.000 árbores.
 
A nova resolución do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), segundo indicou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, ten como obxectivo, dentro do compromiso da Xunta polo impulso da Industria 4.0, favorecer o uso de enerxías limpas e un mellor aproveitamento dos recursos enerxéticos, pois, ademais de impulsar a posta en marcha de proxectos nos sectores industrial e de servizos, tamén promoverá auditorías e a implantación de sistemas de xestión enerxética, así como iniciativas que permitan a mobilidade con combustibles alternativos á gasolina ou ao gasóleo.
 
A maioría das iniciativas (169) céntranse na instalación e renovación de equipos que permiten o aforro e un mellor aproveitamento dos recursos enerxéticos. En concreto, 111 axudas diríxense a proxectos industriais e 58 están vinculados ao sector servizos. Esta nova convocatoria que acaba de resolver o Inega tamén inclúe axudas para a elaboración de 21 auditorías enerxéticas que avalíen o proceso produtivo nos centros de traballo e propoñen medidas de redución do consumo; catro para a implantación de sistemas de xestión enerxética con certificados conforme á norma ISO 50.001 e catro máis para a substitución de vehículos a gasóleo ou a gasolina por outros que empreguen enerxías limpas como gas natural, GLP ou hidróxeno.
 
As axudas permiten sufragar ata o 30% do custo do proxecto, cun máximo de 200.000 euros por iniciativa, unha porcentaxe que alcanza o 40% nos casos nos que os beneficiarios sexan as pequenas e medianas empresas. En total, os preto de 200 proxectos impulsados favorecerán o aforro de 730.000 MWh ao ano e a creación de preto de 250 empregos.
 
Bernardo Tahoces indicou que este programa de axudas contribúe ao impulso da competividade na industria e o sector servizos, reducindo os custos enerxéticos e adquirindo equipos más eficientes que introducen melloras a nivel tecnolóxico, dentro da liña fixada na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0. Así, entre os proxectos que se desenvolverán están a instalación de plantas fotovoltaicas de xeración eléctrica para autoconsumo, a substitución da iluminación actual por tecnoloxía LED, a renovación de maquinaria industrial, instalacións de aproveitamento de enerxía xeotérmica e aerotermia, ou a substitución de caldeiras de fuel óleo por outras máis eficientes de gas natural.
 
Edicións bianuais
O director xeral de Enerxía e Minas recordou que é a segunda convocatoria pública destas características no que vai de ano, tras a que se resolveu no mes de xuño e pola que se concederon axudas por importe de 5,3 millóns de euros. En total, entre ambas edicións, a Consellería de Economía, Emprego e Industria aporta 10,7 millóns para impulsar 429 proxectos que mobilizarán máis de 60 millóns de euros; reducirán as emisións de CO2 en máis de 21.000 toneladas, o equivalente a plantar más dun millón de árbores; aforros duns 12 millóns en abastecemento enerxético e a creación de 500 empregos, entre postos directos e indirectos. Durante os anos 2013, 2014 e 2015, o Inega xa concedeu axudas por máis de 5 millóns de euros para a realización de proxectos de eficiencia enerxética.
 
Ademais, o carácter bianual da convocatoria permite que os beneficiarios teñan máis tempo para executar os proxectos -ata setembro de 2017 para esta segunda resolución-, o que facilita abarcar actuacións con períodos de maduración máis longos que nunha convocatoria anual.