INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA DESTINA 9,5 MILLÓNS Á EFICIENCIA ENERXÉTICA DA INDUSTRIA GALEGA ACHEGANDO OS PROCESOS PRODUTIVOS Á INDUSTRIA 4.0

12/01/2016

- O director do Igape, Javier Aguilera, inaugurou hoxe unha xornada sobre eficiencia enerxética na que que puxo en valor este tipo de actuacións para diminuír custos e gañar competitividade no camiño cara a fábrica intelixente.
 
- Salienta a incorporación de aplicacións TIC e a sensorización industrial como  instrumentos fundamentais para que as empresas acaden maiores graos de eficiencia na súa xestión.
 
- O prazo de presentación de solicitudes comeza o vindeiro venres 15 e permanecerá aberto ata o 29 de febreiro, aspirándose a impulsar 300 proxectos que xerarán investimentos por máis de 32 millóns na industria galega.
 
- No acto tamén participou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, quen salientou que estas iniciativas aspiran a acadar un aforro económico de 10 millóns por exercicio, xerar máis de 430 postos de traballo, e evitar a emisión á atmosfera de 19.000 toneladas de CO2 ao ano.
 
 160112 Xornada Eficiencia e Industria 4.0_1

Santiago, 12 de xaneiro de 2016.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten posto en marcha, un ano máis, a liña destinada a promover o aforro e a eficiencia enerxética nos sectores industrial e de servizos. Un programa que multiplica por seis o seu orzamento acadando os 9,5 millóns, e que permitirá, segundo salientou o director do Igape, Javier Aguilera, na xornada sobre eficiencia enerxética e Industria 4.0 celebrada hoxe en Santiago, impulsar este tipo de iniciativas no tecido empresarial galego achegando os procesos produtivos cara a a mencionada Industria 4.0.  

“As actuacións de eficiencia enerxética permiten diminuír custos e gañar competitividade no camiño cara a fábrica intelixente”, incidiu Aguilera Navarro, quen destacou que os consumos nos sectores industrial e de servizos representan hoxe en día en Galicia o 45% e o 9% do consumo de enerxía final, respectivamente, ofrecendo un interesante campo de actuación. Así, segundo diversos estudos sectoriais realizados polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), a porcentaxe de aforro de enerxía nestes sectores coa posta en marcha de medidas de eficiencia ascende ata o 15% para o sector industrial, e ao 30% no sector servizos. 
 
Javier Aguilera salientou a incorporación de aplicacións TIC e a sensorización industrial como  instrumentos fundamentais para que as empresas acaden maiores graos de eficiencia na súa xestión. Nesta liña, explicou, e dentro da Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0, o programa promoverá de xeito específico a implantación de sistemas de procesado avanzado de datos e intelixencia artificial aplicados á optimización do consumo enerxético, no camiño cara á fábrica intelixente. 
 
O obxectivo é dotar as industrias beneficiadas de programas capaces de reaxustar, de xeito sistemático, algúns dos seus parámetros en función das experiencias pasadas co obxecto de optimizar o consumo.
 
Xunto a esta aposta pola Industria 4.0, seguirán a impulsarse proxectos centrados na mellora dos equipamentos consumidores de enerxía do proceso produtivo industrial; a instalación de sistemas de aproveitamento de enerxías renovables; ou a implantación de sistemas de xestión enerxética certificados conforme a norma ISO 50.001. Ademais, apoiarase a realización de auditorías enerxéticas que analicen de forma integral o proceso produtivo da empresa e, no eido da mobilidade, a substitución de vehículos por outros máis eficientes que empreguen combustibles alternativos.   
 
Deste xeito, e segundo salientou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, quen clausurou a xornada, a liña aspira a impulsar arredor de 300 proxectos nas empresas galegas. Así, as empresas interesadas en impulsar este tipo de iniciativas poden presentar a súa solicitude desde o vindeiro venres 15 ata o 29 de febreiro. 
 
“Estes proxectos xerarán un investimento conxunto de máis de 32 millóns no tecido produtivo, contribuíndo á adopción de medidas que permitirán acadar un aforro enerxético de case 11.000 toneladas equivalentes de petróleo ao ano e un aforro económico de 10 millóns por exercicio”, subliñou Bernardo Tahoces, quen indicou que, ao mesmo tempo, se promoverán arredor  de 430 empregos, o 60% deles directos, evitando a emisión á atmosfera de case 19.000 toneladas de CO2  ao ano.
 
As axudas chegan ata os 200.000 euros por proxecto. Ademais, no caso das pequenas e medianas empresas, a porcentaxe increméntase un 10%, supoñendo o 40% do total. Desta forma, o Goberno galego da continuidade a un programa que, nos seus tres primeiros anos, permitiu desenvolver 303 proxectos, que están a mobilizar máis de 18 millóns no tecido empresarial da Comunidade contribuíndo a súa mellora competitiva.