INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA IMPULSA AFORROS DE ATA O 50% NO GASTO ENERXÉTICO DOS FOGARES GALEGOS GRAZAS AO NOVO PLAN DE VIVENDA EFICIENTE

26/01/2016

 - O director xeral de Enerxía e Minas presenta unha nova edición dunha estratexia encamiñada a diminuír o gasto en enerxía das familias galegas, que ascende a 2.600 euros por exercicio. 

 
- Salienta que o plan comprende dúas areas de actuación –fontes renovables e infraestruturas máis eficientes-, que poden supoñer unha “mellora moi sensible” no etiquetado enerxético dunha vivenda. 
 
- Subliña que o obxectivo é “mellorar pautas de consumo e contribuír á diminución da factura enerxética” das 3.500 familias ás que se chegará. 
 
- As diferentes liñas xerarán investimentos por case 20 millóns permitindo acadar un aforro económico anual de 4 millóns, ademais de evitar a emisión á atmosfera de 15.500 toneladas de CO2.
 
- No eido das instalacións máis eficientes, os apoios para a mellora das envolventes térmicas con tella, granito ou lousa chegan ata o 40%; ao 50% no caso da substitución de ascensores; e ata o 25% nas fiestras. 
 
- No tocante ás renovables, especificamente no eido rural, foméntase a instalación de xeotermia, solar térmica e aerotermia, continuando a aposta pola biomasa, cuxa liña para a instalación de caldeiras nos fogares suma 3 millóns de euros. 
Director_26012016
 
Santiago, 26 de febreiro de 2016.- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, sinalou hoxe que o novo Plan de Vivenda Eficiente da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o ano 2016 fomentará actuacións no eido da eficiencia e as fontes renovables que poden supor aforros económicos de ata o 50% na factura enerxética dun fogar galego.
 
Neste sentido, e como explicou Bernardo Tahoces, o plan contempla, dous eidos de actuacións fundamentais. Dun lado, apóstase por impulsar construcións máis eficientes, co obxectivo de mellorar os illamentos e diminuír o gasto para quentar unha vivenda, que supón a metade da enerxía que consume unha familia. Doutro, promóvese o emprego de fontes renovables, especialmente a biomasa e a xeotermia, que poden representar aforros de ata o 70% no seu consumo enerxético con respecto a un equipo de gasóleo.
 
“Estes aforros supoñen cifras económicas moi importantes para unha familia galega, cuxo gasto en enerxía se sitúa, de media, nos 2.600 euros anuais”, salientou o director xeral, quen explicou que deste montante, e segundo datos elaborados polo Inega, preto de 1.400 euros se destinan á vivenda –o 65% a calefacción e auga quente-.
 
Sobre esta base, e para “mellorar pautas de consumo e contribuír á diminución da factura enerxética”, proseguiu Bernardo Tahoces, o novo plan chegará a “3.500 fogares, que mellorarán a súa eficiencia enerxética cos conseguintes beneficios económicos e melloras medio ambientais”.
 
“O desenvolvemento de todas as actuacións permitirá acadar un aforro económico conxunto de 4 millóns de euros ao ano entre as familias galegas, evitándose a emisión á atmosfera de 15.500 toneladas de CO2 por exercicio, o equivalente á plantación de 775.000 árbores”, subliñou o director xeral. Uns obxectivos compatibles co estímulo da innovación nas tecnoloxías vinculadas coas enerxías renovables, coa dinamización de sectores vinculados á construción e coa xeración de riqueza e emprego.
 
Unha mellora sensible na etiquetaxe enerxética 
Así mesmo, as actuacións mellorarán a certificación enerxética das vivendas galegas. Galicia suma nestes momentos preto de 70.000 certificados enerxéticos rexistrados, situándose entre as comunidades cunha mellor calidade de certificación. “Con este plan, aspiramos a seguir mellorando dita calidade”, subliñou Bernardo Tahoces. Así, a implantación dunha caldeira de biomasa pode representar, para unha vivenda convencional, pasar dunha cualificación F a unha A; ou a posta en marcha dunha instalación de xeotermia pode supor unha mellora de dous letras.
 
Neste contexto, salientou Bernardo Tahoces, o Plan de Vivenda Eficiente destina 3 millóns de euros á implantación de caldeiras de biomasa no rural galego. Unha partida orzamentaria coa que se implantarán arredor de 1.000 equipos no marco da Estratexia integral de impulso da biomasa en Galicia que está a desenvolver a Xunta, que contempla neste 2016 outros 5,5 millóns para o fomento deste combustible nas empresas e na propia administración. Os apoios para a implantación destes equipos ascende ata o 50% do custo do proxecto.
 
Así mesmo, estase a promover tamén a instalación de equipamentos de xeotermia, solar térmica e aerotermia, con axudas que poden acadar tamén a metade do custo das instalacións. Neste sentido, renóvase a aposta pola implantación de equipamentos que, como é o caso da xeotermia, xeran aforros económicos de ata o 70%.
 
E no tocante á aposta polas infraestruturas máis eficientes, o plan inclúe unha nova convocatoria do Renove de Lousa, Granito e Tella, que destina 1,5 millóns euros aos diferentes sectores relacionados coa pedra ornamental, achegando apoios que cobren ata o 40% do total do custo subvencionable por proxecto, e que permitirán mobilizar preto de 4 millóns impulsando actuacións que contribuirán a diminuír o gasto enerxético nos fogares.
 
Así mesmo, tense activado tamén a liña para a renovación de fiestras, que contará con 1,7 millóns e apoios de 100 euros por metro cadrado de oco, cun límite do 25%, de cara a incentivar a rehabilitación destes ocos acristalados das fachadas, acadando melloras significativas co conseguinte aforro en termos económicos. E nesta mesma liña, o plan facilita tamén á renovación de ascensores pertencentes a comunidades de propietarios, cun orzamento de 700.000 euros e axudas de ata o 50% do custo do proxecto.
 
“Todas estas liñas de apoio teñen xa aberto o período de presentación de solicitudes”, apuntou Bernardo Tahoces, quen salientou que, trala finalización dos traballos, as dúas edicións do Plan de Vivenda Eficiente terán beneficiado a máis de 7.000 fogares galegos, xerando investimentos próximos aos 45 millóns, e impulsando aforros na súa factura enerxética de ata o 50%.