INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA SINALA QUE A INNOVACIÓN E A EFICIENCIA ENERXÉTICA SON "IMPRESCINDIBLES" PARA GARANTIR A COMPETITIVIDADE DA ECONOMÍA

18/07/2016

 - O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, inaugurou esta mañá o campus de verán Enerxía e ambiente natural: un reto fronte ao cambio climático, organizado pola Universidade da Coruña.

- Avogou polo uso das enerxías renovables e polo desenvolvemento tecnolóxico para contar con recursos enerxéticos que garanten a subministración e para reducir a utilización dos derivados do petróleo.

- A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de aprobar axudas por valor de 13,5 millóns de euros para impulsar 1.800 proxectos que apostan pola eficiencia e as enerxías limpas.

A Coruña, 18 de xullo de 2016 - O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, ofreceu esta mañá a conferencia inaugural do campus de verán da Universidade da Coruña Enerxía e ambiente natural: un reto fronte ao cambio climático; un encontro que durante hoxe e mañá se celebra na Facultade de Economía e Empresa da cidade coruñesa. Durante a súa intervención, destacou a necesidade de seguir avanzando na liña marcada pola Xunta para o fomento da innovación e o aforro e a eficiencia enerxética.

Baixo o título Panorama da enerxía en España e na Unión Europea: unha reflexión, Bernardo Tahoces afirmou que a innovación e a eficiencia enerxética son “imprescindibles” para mellorar a competitividade da economía e a seguridade na subministración, e para impulsar medidas contra a pobreza enerxética e a redución do uso do carbón.

Neste sentido, para fomentar o uso de fontes de enerxía con prezos máis estables e para reducir a dependencia dos derivados do petróleo, o director xeral avogou pola utilización das enerxías renovables: “Teñen que xogar un papel moi importante por razóns de sostenibilidade, de seguridade e por razóns económicas. Ademais, as renovables teñen que ir unidas ao desenvolvemento tecnolóxico”, afirmou Bernardo Tahoces, que subliñou que por primeira vez na negociación climática existe un Pacto Internacional contra o Cambio Climático, o que demostra o aumento da concienciación en materia enerxética e coidado do medio ambiente.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Inega, vén de renovar o seu impulso á eficiencia enerxética na industria e os servizos, así como a súa aposta pola utilización das enerxías renovables no ámbito rural e da biomasa en empresas, administracións públicas e vivendas. En total, a Xunta acaba de conceder axudas a máis de 1.800 proxectos, cun importe global de 13,5 millóns de euros, o que permitirá mobilizar 50 millóns. De feito, estímase que os beneficiarios poidan acadar un aforro de 8,5 millóns ao ano e reducir en máis de 30.000 toneladas anuais as emisións de CO2.