INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

QUINCE EMPRESAS DA COMARCA DO SALNÉS BENEFÍCIANSE DAS AXUDAS DO INEGA PARA PROXECTOS QUE FACILITEN O USO RACIONAL DA ENERXÍA

18/07/2016

 - O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que grazas a estas subvencións poderanse levar a acabo auditorías enerxéticas e iniciativas de aforro e eficiencia.

Pontevedra, 18 de xullo de 2016 - O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá as axudas que a administración autonómica, a través do Instituto Enerxético de Galicia, acaba de outorgar aos concellos da provincia, destacando o Salnés como unha das comarcas máis beneficiadas, xa que foron aprobados 15 proxectos de empresas de seis de sus concellos.

Deste xeito, o INEGA aprobou varias liñas de subvencións relativas á realización de auditorías enerxéticas, mobilidade con combustibles alternativos e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores da industria e servizos, e implantación de sistemas de xestión.

“O obxectivo destas axudas é impulsar as iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables”, explicou José Manuel Cores Tourís, engadindo que “deste xeito queremos fomentar o uso racional da enerxía e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicas de Galicia”.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e na procura de incentivar a transformación da actividade industrial en Galicia cara a unha industria 4.0 que aumente a súa competitividade nun mercado global, o Inega establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten o aforro e eficiencia enerxética en empresas do sector industrial e servizos. “As actuacións que se van desenvolver enmárcanse dentro da Estratexia Enerxética de Galicia 2015-2020 e a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que alude á utilización do aforro e eficiencia enerxética como instrumento para a mellora da competitividade e o fomento do emprego”, matizou o delegado territorial.

A dotación da presente convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2016 ascendeu a 9.568.654,00 euros de fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

No eido das auditorías enerxéticas, o 58% dos proxectos aprobados corresponderon á provincia de Pontevedra, 11 de 19, dos cales 8 foron a parar a empresas do Salnés situadas en Ribadumia, Cambados, Vilanova de Arousa e Vilagarcía. No caso desta liña de axudas, a Xunta subvenciona o 50% do proxecto presentado.

No caso dos proxectos de aforro e eficiencia enerxética no sector da Industria, das 157 iniciativas aprobadas, 61 corresponden á provincia de Pontevedra, véndose beneficiadas dúas empresas de Ribadumia, e unha Cambados e outra de Meis. A Xunta aporta o 40% do total de cada proxecto.

Finalmente, no caso das iniciativas de aforro no sector servizos, dos 51 proxectos aprobados, 17 corresponden á provincia de Pontevedra, é dicir, o 33%, beneficiándose no Salnés unha empresa de Meis e dúas de Sanxenxo.