INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA MOBILIZARÁ 50 MILLÓNS DE EUROS NO IMPULSO Á EFICIENCIA ENERXÉTICA E Á UTLIZACIÓN DA BIOMASA E DAS ENERXÍAS RENOVABLES

28/06/2016

- A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede, a través de catro convocatorias públicas, 13,5 millóns de euros para máis de 1.800 proxectos presentados por familias, institucións públicas, empresas e entidades sen ánimo de lucro.
 
- Estas axudas autonómicas permitirán a execución de iniciativas que reducirán o consumo enerxético e as emisións de CO2 en máis de 30.000 toneladas ao ano, ao tempo que contribuirán a un aforro anual de 8,5 millóns.
 
- O director xeral de Enerxía e Minas indica que máis de 7 millóns de euros, repartidos entre 1.100 axudas concedidas, se dirixen ao fomento da biomasa, o que permitirá diminuír o uso de gasóleo en 6,33 millóns de litros cada ano.
 
- Bernardo Tahoces destaca que o programa de mellora da eficiencia enerxética contribúe á renovación de instalacións e á elaboración de auditorías para reducir o consumo de enerxías convencionais.
 
- As axudas para renovables diríxense a particulares, pemes e administracións locais, que desenvolverán un total de 195 iniciativas para impulsar o uso da xeotermia, aerotermia e solar térmica.
 
 Santiago, 28 de xuño de 2016 - A Consellería de Economía, Emprego e Industria renova o seu impulso á eficiencia enerxética na industria e os servizos, así como a súa aposta pola utilización das enerxías renovables no ámbito rural e da biomasa en empresas, administracións públicas e vivendas. En total, a Xunta concede axudas a máis de 1.800 proxectos, cun importe global de 13,5 millóns de euros, o que permitirá mobilizar 50 millóns. O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, tamén destacou que a resolución destas convocatorias públicas permitirá aos beneficiarios un aforro estimado de 8,5 millóns ao ano e reducir en máis de 30.000 toneladas anuais as emisións de CO2.
 
A Xunta, a través do Inega, vén de resolver estas catro convocatorias de axudas que teñen como obxectivo impulsar o uso de enerxías limpas e un mellor aproveitamento dos recursos enerxéticos. En concreto, trátase dunha convocatoria para promover a eficiencia enerxética entre empresas e autónomos, unha segunda para o uso de enerxías renovables entre familias e pemes, sobre todo no ámbito rural; e dúas máis para proxectos de biomasa en empresas, administracións públicas e entidades sen ánimo de lucro por un lado, e para os que executarán particulares nas súas vivendas por outro.
 
O director xeral de Enerxía e Minas indicou que o maior número de expedientes que obtiveron axudas é o que está referido ao fomento da biomasa. Neste caso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria concede apoios económicos por valor de máis de 7 millóns de euros para a execución de 1.375 proxectos. En concreto, a través de fondos europeos, máis de 4 millóns de euros diríxense a 264 propostas presentadas por administracións públicas, empresas e entidades sen ánimo de lucro; mentres que 3 millóns máis serán para o desenvolvemento de 1.111 iniciativas programadas por particulares para a utilización desta fonte de enerxía renovable, das cales 714 corresponden á instalación de caldeiras.
 
Neste sentido, Bernardo Tahoces sinalou que esta terceira convocatoria de investimentos para a biomasa permite dar continuidade ao traballo realizado durante os anos 2014 e 2015, cando as axudas concedidas contribuíron á instalación de 2.000 caldeiras de biomasa.
 
Encadradas no desenvolvemento da Estratexia Integral de Impulso da Biomasa, as axudas para estas dúas convocatorias permitirán reducir os custos enerxéticos de familias, empresas e administracións en ao redor de 2,53 millóns de euros ao ano; mellorar a calidade de vida da sociedade; diminuír ao ano as emisións de CO2 en 19.100 toneladas e o uso de gasóleo en 6,33 millóns de litros; e crear emprego de calidade, mobilizando máis de 15 millóns de euros ao abeiro destas axudas á biomasa.
 
Enerxías renovables
A terceira orde de axudas corresponde a proxectos dinamizadores que se desenvolverán nas áreas rurais de Galicia e que permitirán a instalación de equipamentos de enerxías renovables, en concreto, de xeotermia, aerotermia e solar térmica. En total, son 195 proxectos, que serán desenvoltos por 168 familias, 15 pemes e 12 administracións locais, e que recibirán axudas por un valor total de 1,17 millóns de euros. En concreto, o investimento concedido polo Inega contribuirá a executar 82 iniciativas de aerotermia, 79 de xeotermia e 34 de solar térmica.
 
A contía das axudas oscila entre o 40% e o 75%, cun máximo de 50.000 euros para proxectos relacionados coa xeotermia e de 20.000 para a aerotermia e a solar térmica. As actuacións enmárcanse dentro do Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética da Xunta que ten como prioridades fomentar a implantación de equipos de última xeración; reducir a factura enerxética das familias, que pode chegar ata o 70% no caso da xeotermia e a aerotermia; e diminuír o consumo de enerxías convencionais.
 
O director xeral de Enerxía e Minas tamén destacou que con estas axudas se xerarán 50 postos de traballo e se mobilizarán 5 millóns de euros, aforrando aos beneficiarios 243.000 euros ao ano en abastecemento enerxético e reducindo as emisións de CO2 en 706 toneladas anuais.
 
O director xeral de Enerxía e Minas destacou que, entre as convocatorias á biomasa e ás enerxías renovables, as axudas concedidas, por valor de 4 millóns de euros, permiten a 1.279 familias (1.111 para biomasa e 168 para enerxías renovables) mellorar a cualificación enerxética dos seus fogares.

Eficiencia enerxética
A cuarta orde de axudas concedidas corresponde á resolución da convocatoria para o programa de eficiencia enerxética, dirixida a empresas e autónomos. É a que aporta máis fondos, con 5,3 millóns de euros para a execución de 231 proxectos. A maioría das iniciativas (208) céntranse na instalación e renovación de equipos que permiten o aforro e mellor aproveitamento dos recursos enerxéticos. Nesta orde, ademais, se inclúen 19 axudas para elaboración de auditorías enerxéticas que avalíen o proceso produtivo nos centros de traballo e propoñan medidas de redución do consumo; outras dúas para a substitución de vehículos a gasóleo ou a gasolina por outros que empreguen enerxías limpas como gas natural, GLP ou hidróxeno; e dúas máis para a implantación de sistemas de xestión enerxética certificados conforme á norma ISO 50.001.
 
As axudas permiten sufragar ata o 30% do custo do proxecto, cun máximo de 200.000 euros por iniciativa, unha porcentaxe que alcanza o 40% nos casos nos que os beneficiarios sexan as pequenas e medianas empresas.
 
Bernardo Tahoces indicou que este programa de axudas favorece o impulso da competividade na industria e o sector servizos, dentro da liña fixada na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0. De feito, a previsión é que con esta nova convocatoria se mobilicen 30 millóns de euros; que as emisións de CO2 descendan en 10.400 toneladas ao ano, aforrando ás empresas 5,8 millóns de euros ao ano no abastecemento enerxético; e que se creen preto de 250 postos de traballo, entre directos e indirectos.