INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

XUNTA E FEGAFON ORGANIZAN XORNADAS FORMATIVAS PARA IMPULSAR A INSTALACIÓN DE EQUIPOS QUE MELLORAN A EFICIENCIA ENERXÉTICA

30/06/2016

 - O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, firmou coa Federación Galega de Fontanería un convenio de colaboración que inclúe iniciativas para formar aos profesionais do sector e concienciar aos consumidores sobre a utilización de enerxías renovables.

 - Destaca que os cursos de formación teórica se completarán coa publicación de manuais e folletos informativos.
 
- A Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de conceder axudas por valor de 13,5 millóns de euros para a execución de máis de 1.800 proxectos presentados por familias, institucións públicas, empresas e entidades sen ánimo de lucro para un mellor aproveitamento dos recursos enerxéticos.

Santiago, 30 de xuño de 2016 - A Consellería de Economía, Emprego e Industria, colaborará coa Federación Galega de Asociacións Provinciais Empresariais de Fontanería, Calefacción, Gas, Climatización, Mantemento e Afíns (Fegafón) para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética e impulsar a instalación de equipos que promovan o uso das enerxías renovables e a mellora da calidade ambiental. O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, destacou que este acordo incluirá a celebración, durante este ano, de 16 cursos formativos e 5 xornadas dirixidas fundamentalmente a profesionais do sector, ademais de accións divulgativas para concienciar á cidadanía sobre a necesidade de reducir a utilización das enerxías convencionais.
 
O director xeral de Enerxía e Minas firmou un convenio de colaboración co presidente de Fegafón, Pascual Martínez, para desenvolver iniciativas que contribúan á formación dos diferentes profesionais que están agrupados nesta federación, ademais de organizar actividades de sensibilización e difusión de coñecementos técnicos e de consellos prácticos para que os consumidores e resto de axentes sociais poidan no seu día a día facer un uso máis eficiente da enerxía. Bernardo Tahoces agradeceu a predisposición mostrada pola federación para seguir traballando coa Xunta na promoción das novas fontes de enerxía, máis limpas e menos contaminantes para o medio ambiente.
 
O Goberno galego, a través do Inega, achegará 150.000 euros para que Fegafón organice as actividades. En concreto, segundo indicou Bernardo Tahoces, impartiranse cinco xornadas, que se centrarán en aforro e eficiencia enerxética en vivendas; normativa sobre eficiencia enerxética en instalacións térmicas; instalación de auga sanitaria; etiquetado enerxético de caldeiras e estufas de biomasa; e deseño ecolóxico e etiquetado enerxético de aparellos que consumen enerxía. Ademais, está previsto organizar un total de 16 cursos. En concreto, serán catro talleres sobre catro instalacións diferentes de enerxía: térmicas de biomasa, solar térmica, instalacións urbanas de calor e frío, e de gas no sector doméstico e comercial.
 
O director xeral de Enerxía e Minas indicou que esta formación teórica, dirixida fundamentalmente a profesionais do sector, se completará coa publicación de manuais, folletos informativos e a celebración durante tres días dunha acción na que, de maneira presencial, se informará sobre o aforro e a eficiencia enerxética e a instalación de equipamentos para o abastecemento de enerxías renovables e térmicas. Deste xeito, estas accións impulsadas entre a Xunta e Fegafón tamén teñen como público obxectivo a universitarios de estudos técnicos e masters en enerxías renovables e instalacións, a persoal técnico de institucións públicas e privadas, profesionais do sector industrial, como o agrícola e a hostalería; ou estudantes dos últimos cursos de formación profesional.
 
Con este convenio, a Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza o seu compromiso polo impulso da eficiencia enerxética e por un mellor aproveitamento dos recursos tanto nas industrias como nas vivendas particulares, administracións públicas e entidades sen ánimo de lucro. De feito, a Xunta, a través do Inega, acaba de conceder axudas por valor de 13,5 millóns de euros para a execución de máis de 1.800 proxectos en Galicia, o que permitirá mobilizar 50 millóns, reducir en máis de 30.000 toneladas anuais as emisións de CO2, e un aforro estimado de 8,5 millóns de euros ao ano entre os beneficiarios destas axudas autonómicas.