INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA PUBLICA HOXE NO DOG AXUDAS POR 5 MILLÓNS PARA COLABORAR COS CONCELLOS NA EFICIENCIA ENERXÉTICA E O IMPULSO DO EMPRENDEMENTO

18/05/2016

  - A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 3,5 millóns a un programa para a renovación de iluminación pública exterior e interior e de calefacción dos edificios municipais que permitirá a máis de 70 concellos aforrar 8 millóns de euros.

- As actuacións permitirán reducir ata nun 50% a factura eléctrica das instalacións beneficiadas, contribuíndo á mellora da situación económica dos concellos.
 
- Pon en marcha tamén máis de 1,4 millóns en axudas para promover novas iniciativas comerciais no rural con apoios para máis dunha vintena de Espazos Activos tanto nas prazas de abastos como noutro tipo de instalacións.
 
Santiago, 18 de maio de 2016-. A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas liñas de axudas de preto de 5 millóns de euros para apoiar aos concellos galegos tanto na mellora da eficiencia enerxética, como a dinamización da economía no rural impulsando o emprendemento.
 
Dunha banda, na procura de medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local, actívase unha nova convocatoria para a renovación de iluminación pública exterior. Nesta edición, a orde, cun orzamento de 3,5 millóns de euros, amplíase tamén á renovación das instalacións de iluminación interior e de calefacción dos edificios municipais. O obxectivo é beneficiar en 2016 a máis de 70 municipios galegos, que acadarán un aforro económico conxunto de 8 millóns de euros durante os dez primeiros anos de vida útil dos equipos, o equivalente ao consumo anual dunhas 1.350 familias.
 
Esta iniciativa do Goberno galego achegará apoios do 75% do investimento a realizar. En concreto, 2,5 millóns dedicaranse á mellora das instalacións de iluminación exterior e 1 millón á mellora da iluminación interior e das instalacións de calefacción dos edificios municipais. Os interesados contan cun mes de prazo, a partires de mañá, para presentar as súas solicitudes.
 
As actuacións a levar a cabo céntranse na mellora da iluminación pública exterior, eido que supón, de media, o 70% do consumo eléctrico dun municipio, ademais de buscar a mellora das instalacións enerxéticas dos edificios públicos. Con estas liña de axuda, o Goberno galego segue a apostar polo aforro e a eficiencia enerxética municipal, así como polo fomento da utilización de fontes renovables. Este esforzo compleméntase co asesoramento enerxético de carácter multidisciplinar que o Inega lles presta aos concellos.
 
Espazos Activos
Doutra banda, o DOG publica hoxe un novo programa de axudas, dotado con máis de 1,4 millóns de euros, co que a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará aos concellos de menos de 20.000 habitantes na posta en marcha de Espazos Activos de emprendemento comercial no rural, que poderán estar localizados tanto en prazas de abastos como noutro tipo de instalacións.
 
Mediante esta pioneira iniciativa, da que se poderán beneficiar máis dunha vintena de concellos, concederanse axudas de ata 70.000 euros e o 70% do investimento a realizar para habilitar áreas nas que os emprendedores poidan exercer a súa actividade comercial. Os interesados, neste caso, tamén contan cun mes de prazo, a contar a partir de mañá, para presentar as súas solicitudes. O obxectivo desta convocatoria é contribuír á creación de emprego de calidade e á fixación de poboación no rural galego, ao tempo que se impulsa o equilibrio da oferta comercial nas zonas menos poboadas.
 
Así, priorizaranse as iniciativas que se desenvolvan nos municipios máis pequenos, así como aquelas que incorporen máis espazos para a comercialización de produtos locais. Ademais, prímanse os proxectos que incorporen un maior número de puntos de venda, a adopción de medidas de Responsabilidade Social Empresarial, a utilización das novas tecnoloxías ou a supresión de barreiras arquitectónicas, ademais da incorporación de enerxías alternativas ou a reciclaxe ou eliminación de residuos.
 
Os concellos que poñan en marcha un Espazo Activo deberán desenvolver ademais actuacións de difusión, asesoramento e formación dirixidas ás persoas interesadas na iniciativa, contemplando aspectos como o aumento da rendibilidade do posto de venda con técnicas de “visual merchandising”, a colocación do produto e a atención ao cliente.