INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A NOVA EDICIÓN DE DÁLLE LUZ Á TÚA FACTURA ACHEGA AS CLAVES PARA QUE OS CONSUMIDORES POIDAN AFORRAR NO SEU RECIBO ELÉCTRICO

04/11/2016

  - A campaña impulsada por Economía, Emprego e Industria informará sobre como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria.

- A iniciativa, que presentaron hoxe o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, chegará nas próximas semanas a máis de 70 concellos galegos.

- Ademais destas xornadas informativas, “Dálle luz á túa factura” conta tamén cunha nova ferramenta web na que os usuarios reciben recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico.
 
- Os consumidores poden consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais.
 
- A subministración eléctrica é un ámbito prioritario para a Xunta pola súa relevancia no benestar e na economía dos consumidores.
 
- O Instituto Galego de Consumo atendeu nos primeiros nove meses do ano máis de 2.000 reclamacións relacionadas coas eléctricas, das cales preto do 60% foron xa resoltas de xeito favorable para os reclamantes.
 
- Na defensa dos consumidores máis vulnerables, a Xunta ten activado axudas como o tícket eléctrico social, que beneficiou xa preto de 5.000 familias, e un convenio coas comercializadoras que evitou xa o corte da luz por impago en preto de 800 fogares.
 

Santiago, 4 de noviembre de 2016.- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e a directora xeral de Comercio e presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez Abeal, participaron hoxe na xornada de presentación da nova edición de Dálle luz á túa factura, unha iniciativa coa que a Xunta achega as claves para que os consumidores poidan aforrar no seu recibo eléctrico.

Esta campaña facilitará a comprensión da factura e informará sobre como reducir o gasto a través de aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar; revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. Ademais, farase fincapé no aforro e a eficiencia enerxética, e achegarase información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas.

A iniciativa, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego de Consumo e o Inega, chegará nas próximas semanas a máis de 70 concellos galegos, onde se realizarán xornadas informativas para os consumidores, que poden acceder tamén nas webs de ambas entidades a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas.

Ademais, para que os consumidores poidan consultar as súas dúbidas, ponse en marcha o teléfono gratuíto 900 907 723, así como a páxina de Facebook Dálle luz á túa factura, que complementan así o labor de información e asesoramento que se desenvolve a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).

A subministración eléctrica é un ámbito prioritario para a Xunta pola súa relevancia no benestar e na economía dos consumidores. Neste eido, o Instituto Galego de Consumo tramitou nos primeiros nove meses do ano máis de 2.000 reclamacións relacionadas coas eléctricas, das cales preto do 60% foron xa resoltas de xeito favorable para o consumidor.

E faise especial fincapé nos consumidores máis vulnerables, con medidas como o tícket eléctrico social, co que xa se apoiou a preto de 5.000 familias, para contribuír ao pago da factura da luz con ata 300 euros ao ano; e unha medida orientada a evitar os cortes de subministro eléctrico por impago, coa que o Goberno galego xa ten axudado a preto de 800 fogares, e que permite cubrir o custo de dúas mensualidades ao ano por fogar, garantindo desta maneira o servizo básico. 

Ademais, apóstase polo aforro e a eficiencia enerxética, con iniciativas como o Plan de aforro e eficiencia enerxética nas vivendas galegas, que impulsa a mellora das infraestruturas cara a construcións máis eficientes e o emprego de fontes de enerxía renovables.