INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA INFORMA EN PONTEVEDRA DAS CLAVES PARA AFORRAR NA FACTURA ELÉCTRICA

21/11/2016

 - A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou na xornada da campaña Dálle luz á túa factura que se desenvolveu no Pazo da Cultura.

- Os asistentes informáronse de como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria

- A iniciativa, que chegará a 15 concellos da provincia pontevedresa, conta cunha nova ferramenta web na que os usuarios reciben recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico.
 
- Os consumidores teñen a posibilidade de consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais.
 
- Nos primeiros nove meses do ano, a oficina do Instituto Galego de Consumo en Pontevedra tramitou máis de 370 reclamacións relacionadas coa enerxía eléctrica, das cales máis do 80% foron resoltas xa de xeito favorable para o consumidor.
 
Pontevedra, 21 de novembro de 2016.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe en Pontevedra na apertura da xornada da campaña Dálle luz á túa factura, na que se informou aos consumidores sobre as claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas en aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. Durante este encontro tamén se achegou información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas, ademais de ofrecer consellos sobre aforro e eficiencia enerxética.
 
O ciclo de xornadas informativas de Dálle luz á túa factura, que percorrerá as catro provincias galegas, está impulsado pola Xunta a través do Instituto Galego de Consumo e o Inega. En total, chegará a máis de 70 concellos da comunidade, dos que 15 están na provincia de Pontevedra. Esta mesma semana está previsto que se desenvolvan xornadas noutros dous municipios pontevedreses: en Valga o mércores, 23 de novembro, ás 16 horas no Auditorio (en Ferreirós, s/n, Cordeiro) e na Estrada o mesmo día ás 18:30 (na Sala Mome, situada na Avenida Benito Vigo, 92). 
 
Ademais, os consumidores poden acceder tamén nas webs de ambas entidades a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura. 
 
Con estas ferramentas complétanse as tarefas de información e asesoramento que se desenvolven a través do Instituto Galego de Consumo, que nos nove primeiros meses do ano tramitou na súa oficina de Pontevedra máis de 370 reclamacións relacionadas coa enerxía eléctrica, das cales máis do 80% foron resoltas xa de xeito favorable para o consumidor.