INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

DÁLLE LUZ Á TÚA FACTURA ACHÉGASE MAÑÁ Á ESTRADA PARA INFORMAR SOBRE COMO AFORRAR NO RECIBO ELÉCTRICO

22/11/2016

 - No marco da campaña impulsada por Economía, Emprego e Industria, desenvólvese esta xornada informativa a partir das 18.30 horas na Sala Mome.

 
- Durante este encontro, explicarase aos consumidores como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria.
 
- A iniciativa, que chegará a 15 concellos da provincia pontevedresa, conta cunha nova ferramenta web na que os usuarios reciben recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo. eléctrico.
 
- Os consumidores teñen a posibilidade de consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais.
 
Santiago, 22 de novembro de 2016.- A campaña informativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria Dálle luz á túa factura chega mañá á Estrada, onde terá lugar unha xornada na que se informará aos consumidores sobre as claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas en aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. O encontro celebrarase, a partir das 18.30 horas, na Sala Mome (Avenida Benito Vigo, 92). 
 
Durante estes encontros, tamén se presta atención ao aforro e a eficiencia enerxética, ademais de achegarse información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas.
 
Este ciclo de xornadas informativas de Dálle luz á túa factura, que percorrerá as catro provincias galegas, está impulsado pola Xunta a través do Instituto Galego de Consumo e o Inega. En total, chegará a máis de 70 concellos da comunidade, dos que 15 están na provincia de Pontevedra. Hoxe está previsto que chegue ás localidades lucenses da Fonsagrada e Castro de Rei, e mañá, ademais da Estrada, terá lugar en Valga. 
 
Ademais, os consumidores poden acceder tamén nas webs de ambas entidades a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura. 
 
Con estas ferramentas complétanse as tarefas de información e asesoramento que se desenvolven a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).