INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A CAMPAÑA DÁLLE LUZ Á TÚA FACTURA INFORMARÁ MAÑÁ EN VALGA SOBRE AS CLAVES PARA AFORRAR NO RECIBO ELÉCTRICO

22/11/2016

  - No marco da iniciativa impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, desenvólvese esta xornada, a partir das 16.00 horas, no auditorio. 

- Durante este encontro, indicarase aos consumidores como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria.

- A iniciativa, que chegará a 15 concellos da provincia de Pontevedra, conta cunha nova ferramenta web na que os usuarios reciben recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico.
 
- Os consumidores poden realizar consultas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais.
 
Santiago, 22 de novembro de 2016.- A iniciativa Dálle luz á túa factura, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, chegará mañá, mércores 23 de novembro, ao municipio de Valga, cunha xornada na que se informará aos consumidores das claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas en aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. Este encontro terá lugar no auditorio desta localidade pontevedresa (rúa Ferreirós, s/n – Cordeiro) a partir das 16.00 horas.
 
O ciclo de xornadas informativas de Dálle luz á túa factura está impulsada pola Xunta a través do Instituto Galego de Consumo e o Inega. En total, chegará a máis de 70 concellos da comunidade, dos que 15 están na provincia de Pontevedra. Hoxe está previsto que chegue ás localidades lucenses da Fonsagrada e Castro de Rei. Mañá, ademais de en Valga, terá lugar na Estrada.
 
Durante estes encontros, préstase atención ao aforro e a eficiencia enerxética, ademais de achegarse información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas. Ademais, os consumidores poden acceder nas webs do Inega e do IGC a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura. 
 
Estas ferramentas súmanse ás tarefas de información e asesoramento que se desenvolven a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).