INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

CATRO CONCELLOS DE OURENSE ACOLLEN ESTA SEMANA XORNADAS DA CAMPAÑA DÁLLE LUZ Á TÚA FACTURA

23/11/2016

 - No marco desta iniciativa impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria desenvolveranse encontros informativos mañá e pasado nos municipios de Ribadavia, O Carballiño, Bande e Celanova.

- Durante as xornadas, ao igual que ocorreu a semana pasada en dez localidades da provincia ourensá, explicarase aos consumidores como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria.

- A iniciativa conta cunha nova ferramenta web na que os usuarios reciben recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico.
 
- Os consumidores interesados tamén poden formular as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais.
 
Santiago, 23 de novembro de 2016.- A campaña da Xunta Dálle luz á túa factura chegará esta semana a catro novos concellos de Ourense. Despois de celebrarse a semana pasada xornadas informativas en dez municipios desta provincia, Ribadavia e O Carballiño acollerán mañá xoves, 24 de novembro, os seus respectivos encontros; mentres que esta iniciativa impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria fará a súa parada en Bande e Celanova o próximo venres, día 25.
 
Estas xornadas permiten informar aos consumidores das claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas fundamentalmente en aspectos como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar; revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. 
 
Ao igual que ocorreu a semana pasada na Pobra de Trives, Castro Caldelas, Boborás, San Cristovo de Cea, Nogueira de Ramuín, Coles, Xinzo de Lima, Allariz, Verín e Monterrei, nestes encontros prestarase tamén especial atención ao aforro e á eficiencia enerxética, e achegarase información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas.
 
As xornadas informativas desta iniciativa do Instituto Galego de Consumo (IGC) e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) chegarán a máis de 70 concellos galegos, dos que unha vintena pertencen á provincia de Ourense. Ademais, os consumidores poden acceder tamén nas webs de ambas entidades a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura. 
 
Estas ferramentas contribúen a completar o labor de información e asesoramento que se desenvolve desde o propio Instituto Galego de Consumo e as oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).
 
Calendario para os próximos días
Mañá xoves, 24 de novembro, a xornada de Dálle luz á túa factura celebrarase ás 16.00 horas no salón de plenos do Concello de Ribadavia (Praza Maior, 4), mentres que ás 18:30 horas será no Carballiño, tamén no salón de plenos da Casa Consistorial (Praza Maior, 1). 
 
O venres, día 25, a campaña visitará Bande ás 16.00 horas, no salón de actos do Concello (rúa San Roque, 2); e ás 18:30 horas terá lugar a charla na Casa do Concello de Celanova (Praza Maior, 1). Ademais, Dálle luz á túa factura tamén estará o venres en Fisterra e Vimianzo na provincia da Coruña.  
 
XOVES 24 DE NOVEMBRO
- Ribadavia 16.00 h Salón de Plenos do Concello.
Dirección: Praza Maior, 4
- O Carballiño 18.30 h Salón de Plenos do Concello.
Dirección: Praza Maior, 1
 
 
VENRES 25 DE NOVEMBRO
- Bande 16.00 h Salón de actos do Concello.
Dirección: San Roque, 2
- Celanova 18.30 h Casa do Concello
Direccción: Praza Maior, 1
- Fisterra 16:00 h Salón de Plenos do Concello
Dirección: Rúa Santa Catalina, 1
- Vimianzo 18:30 h Salón de Conferencias da Casa da Cultura de Vimianzo
Dirección: Rúa da Graña, s/n