INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A CAMPAÑA DÁLLE LUZ Á TÚA FACTURA CHEGARÁ O VENRES A FISTERRA E VIMIANZO PARA INFORMAR SOBRE COMO AFORRAR NO RECIBO ELÉCTRICO

23/11/2016

- No marco da campaña impulsada por Economía, Emprego e Industria, desenvólvense estas xornadas informativas o 25 de novembro, a partir das 16.00 horas no salón de plenos do Concello fisterrán, e desde as 18.30 horas na Casa da Cultura de Vimianzo.

- Estes encontros serven aos consumidores para coñecer as claves para reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria.

- A iniciativa, que chegará a 22 concellos da provincia da Coruña, conta cunha nova ferramenta web na que os usuarios reciben recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico.
 
- Os consumidores teñen a posibilidade de consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais.

Santiago, 23 de novembro de 2016.- A campaña informativa que impulsa a Consellería de Economía, Emprego e Industria baixo o título Dálle luz á túa factura chegará o próximo venres, 25 de novembro, a Fisterra e Vimianzo. En ambos municipios da provincia da Coruña, celebrarase unha xornada  na que se expoñerá aos consumidores as claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas fundamentalmente en aspectos como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. 

 
Os encontros terán lugar no salón de plenos do Concello de Fisterra (rúa Santa Catalina, número 1) desde as 16.00 horas, e no salón de conferencias da Casa da Cultura de Vimianzo (rúa da Graña, s/n) a partir das 18.30 horas. Durante estas xornadas tamén se prestará atención ao aforro e a eficiencia enerxética, ademais de achegarse información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas.
 
Este ciclo de xornadas informativas de Dálle luz á túa factura, que percorrerá as catro provincias galegas, está impulsado pola Xunta a través do Instituto Galego de Consumo e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega). En total, chegará a máis de 70 concellos da comunidade, dos que 22 están na provincia coruñesa. Ademais, os consumidores poden acceder tamén nas webs de ambas entidades a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura. 
 
Con estas ferramentas complétanse as tarefas de información e asesoramento que se desenvolven a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).