INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A CAMPAÑA DÁLLE LUZ Á TÚA FACTURA CHEGARÁ MAÑÁ A FERROL, AS PONTES E VIVEIRO PARA INFORMAR SOBRE COMO AFORRAR NO RECIBO ELÉCTRICO

28/11/2016

 - No marco da iniciativa impulsada por Economía, Emprego e Industria, desenvólvense estas xornadas informativas este martes a partir das 12.30 horas no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, ás 16.00 horas na Casa Doutor Dopeso das Pontes e, desde as 18.45 horas, na sala multiusos da Casa do Concello de Viveiro.

- O parque eólico experimental de Sotavento tamén acollerá o mércores unha xornada para os formadores que se encargan de informar aos consumidores sobre as claves para reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria.

- A iniciativa, que chegará a máis de 70 concellos galegos, conta cunha nova ferramenta web na que os usuarios reciben recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico.
 
- Os consumidores poden consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais.
 
Santiago, 28 de novembro de 2016.- A campaña informativa Dálle luz á túa factura, que impulsa a Consellería de Economía, Emprego e Industria chegará mañá martes, 29 de novembro, ás provincias da Coruña e Lugo. En concreto, nos municipios coruñeses de Ferrol e As Pontes e na localidade lucense de Viveiro celebrarase xornadas nas que se expoñerá aos consumidores as claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas fundamentalmente en aspectos como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. 
 
Os encontros terán lugar en Ferrol no Centro Cultural Torrente Ballester (rúa Concepción Arenal, s/n) desde as 12.30 horas; na Casa Doutor Dopeso das Pontes (rúa Rosalía de Castro, s/n), a partir das 16.00 horas; e na sala multiusos da Casa do Concello de Viveiro (praza Maior, 1), desde as 18.45 horas.
 
Durante estas xornadas tamén se prestará especial atención ao aforro e a eficiencia enerxética, ademais de ofrecerse información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas.
 
Este ciclo de sesións informativas de Dálle luz á túa factura está a percorrer as catro provincias galegas. En total, esta iniciativa, impulsada pola Xunta a través do Instituto Galego de Consumo e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), chegará a máis de 70 concellos da comunidade. Ademais, os consumidores poden acceder tamén nas webs de ambas entidades a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura. 
 
O próximo mércores, 30 de novembro, as instalacións do parque eólico experimental de Sotavento, localizado entre os municipios de Xermade (Lugo) e Monfero (A Coruña),  acollerán unha xornada, entre as 10.30 e as 17.30 horas, que está dirixida aos formadores das oficinas municipais de información ao consumidor e outras entidades que se encargan de informar aos consumidores sobre a campaña Dálle luz á túa factura. 
 
Todas estas ferramentas completan as tarefas de información e asesoramento que se desenvolven a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).