INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

DÁLLE LUZ Á TÚA FACTURA CHEGARÁ O VENRES AOS MUNICIPIOS OURESÁNS DE VIANA DO BOLO, A RÚA E O BARCO DE VALDEORRAS

30/11/2016

  - No marco da iniciativa impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, desenvólvense este 2 de decembro encontros a partir das 12.30 horas no Salón de Plenos de Viana do Bolo; ás 16.00 horas no Concello da Rúa; e desde as 18.30 horas no salón de actos do edificio multiusos do Barco de Valdeorras.

- Durante as xornadas, explicarase aos consumidores como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria.

- A iniciativa, que chegará a máis de 70 concellos galegos, dos que unha vintena está na provincia de Ourense, conta cunha nova ferramenta web na que os usuarios reciben recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico. 

- Os consumidores poden consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais.
 
Santiago, 30 de novembro de 2016.- A campaña informativa Dálle luz á túa factura, impulsada desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria, chegará este venres, 2 de decembro, aos municipios ourensáns de Viana do Bolo, A Rúa e O Barco de Valdeorras. Durante esta xornada expoñerase aos consumidores as claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas fundamentalmente en aspectos como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. 
 
Os encontros terán lugar no Salón de Plenos do Concello de Viana do Bolo (na praza Maior) ás 12.30 horas; no Salón de Plenos da Rúa (praza José Antonio Míguez Freire, 1), desde as 16.00 horas; e no salón de actos do edificio multiusos do Barco de Valdeorras (praza do Concello, 2, terceiro andar) a partir das 18.30 horas. Nestas xornadas tamén se prestará atención ao aforro e a eficiencia enerxética, ademais de ofrecerse información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas.
 
As sesións informativas do ciclo Dálle luz á túa factura están a percorrer as catro provincias de Galicia. Impulsada pola Xunta a través do Instituto Galego de Consumo e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), a iniciativa chegará a máis de 70 concellos da comunidade, dos que unha vintena se localizan na provincia de Ourense. 
 
De feito, a campaña desenvolveuse xa en 16 concellos ourensáns durante o mes de novembro: A Pobra de Trives, Castro Caldelas, Boborás, San Cristovo de Cea, Nogueira de Ramuín, Coles, Xinzo de Limia, Allariz, Verín, Monterrei, Ribadavia, O Carballiño, Bande, Celanova, Ourense e Barbadás.
 
Os consumidores tamén poden acceder nas webs do Instituto Galego de Consumo e do Inega a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura. 
 
Todas estas ferramentas completan as tarefas de información e asesoramento que se desenvolven a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).