INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

CONDE ANIMA Á INDUSTRIA CÁRNICA E ÁS PANADERÍAS A USAR A BIOMASA PARA GAÑAR EN COMPETITIVIDADE E AXUDAR NA PROTECCIÓN DO MEDIO AMBIENTE

07/09/2016

 - O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou en Lugo nunha xornada para promover a utilización desta fonte enerxética renovable.

 
- A biomasa é a enerxía de orixe autóctona máis empregada en Galicia, por diante doutros recursos naturais como o vento e a auga.

Lugo, 7 de setembro de 2016 - O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe en Lugo a unha xornada organizada polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para fomentar o uso da biomasa no sector cárnico e nas panaderías. Destacou que o emprego desta fonte de enerxía renovable contribúe ás empresas a mellorar a súa competitividade, aforrando custos, ao tempo que impulsa a defensa do medio ambiente.
 
Conde sinalou que a biomasa é unha realidade en Galicia, converténdose na fonte enerxética de orixe galega máis utilizada na comunidade, por diante doutros recursos naturais como o vento e a auga. Neste sentido, lembrou que Galicia reúne as condicións idóneas para o impulso da biomasa, sendo unha potencia en materia forestal con 1,4 millóns de hectáreas de superficie arbórea, case a metade do territorio galego.
 
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que o uso da biomasa, unha fonte 100% galega, permite non só impulsar a eficiencia enerxética, senón tamén reducir o impacto ambiental e contribuír á fixación de emprego no rural.
 
O conselleiro agradeceu a participación de representantes de ambas industrias nesta mesa de traballo para afondar na protección do medio ambiente a través da utilización da biomasa e, deste xeito, avanzar cara un futuro máis sostible. Neste sentido, indicou que as enerxías renovables, xunto á innovación, son dous factores fundamentais na modernización e mellora da competitividade do tecido industrial galego. Ademais, o emprego da biomasa tamén facilita a xeración de emprego de calidade e de riqueza na comunidade.
 
O sector cárnico e o do pan destacan pola calidade dos seus produtos, certificada por selos como Ternera Gallega, que con preto de 8.000 explotacións asociadas facturou o ano pasado 112 millóns de euros, un 4% máis que en 2014. Neste caso, a provincia de Lugo xoga un papel destacado pois, dentro desta indicación xeográfica, representa o 44% da actividade cárnica industrial.