INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

CONDE DESTACA QUE A COLABORACIÓN CON CEAGA PERMITE MODERNIZAR O SECTOR DA AUTOMOCIÓN E APOSTAR POLA INNOVACIÓN, A FORMACIÓN E A EFICIENCIA ENERXÉTICA

21/09/2016

 - O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Vigo na comisión de seguimento do III Plan Estratéxico para a Mellora Competitiva do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia.

 
- O Igape, Gain, a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral e o Inega traballarán co sector para o desenvolvemento do novo Plan e a consecución dos obxectivos marcados.
 
- No Plan de Ceaga xa se está avanzando a través da Business Factory Auto, o Concurso de Ideas 4.0 e as unidades mixtas de investigación.
 
- Subliña que, unha vez garantida a carga de traballo para a próxima década, esta planificación contribuirá a que a industria galega do automóbil se sitúe na vangarda do sector.
Conselleiro_CEAGA

Vigo, 21 de setembro de 2016 - O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta mañá en Vigo unha nova reunión da comisión de seguimento do Terceiro Plan Estratéxico para a Mellora Competitiva (P3CA 2025) do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), a folla de ruta que marcará o futuro da industria galega do automóbil. Neste sentido, destacou que a Xunta manterá a súa colaboración con Ceaga para alcanzar catro obxectivos estratéxicos: modernización do sector co impulso da Industria 4.0; mellora dos procesos de innovación; a adaptación da formación ás necesidades reais do mercado; e a aposta pola eficiencia enerxética.
 
Tras o encontro de traballo, no que tamén estiveron presentes o presidente e o xerente de Ceaga, Luciano Martínez Covelo e Alberto Cominges, respectivamente, xunto a outros representantes do Clúster e da Xunta, Conde indicou que catro departamentos da Consellería estarán implicados directamente e de maneira continuada no desenvolvemento do Plan. En concreto, trátase do Igape, a Axencia Galega de Innovación (Gain), a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral e o Inega. Cada departamento colaborará co clúster para a consecución dos catro grandes obxectivos fixados tras o encontro de hoxe. De feito, este terceiro Plan de Ceaga está aliñado coas estratexias da propia Consellería, como a Axenda de Competitividade Galicia-Industria 4.0, a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), a Axenda 20 para o Emprego ou os plans de aforro e eficiencia enerxética do Inega.
 
En definitiva, este novo Plan permitirá ao sector aumentar o tamaño das empresas de compoñentes e dotar aos produtos dun maior valor engadido; crear un ecosistema aberto para iniciativas innovadoras; mellorar a formación dos traballadores para adaptarse aos retos da Industria 4.0; e mellorar a eficiencia enerxética.
 
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria tamén lembrou que xa se está avanzando no Plan de Ceaga a través do Concurso de Ideas 4.0, das unidades mixtas de investigación e a través da Business Factory Auto (BFA), unha aceleradora pioneira que facilitará o emprendemento industrial innovador na automoción galega, sumando os esforzos de Ceaga, PSA, Zona Franca e a Xunta, coa colaboración de centros como CTAG e Gradiant.
 
O conselleiro agradeceu a Ceaga o desenvolvemento deste Plan posto que, unha vez está garantida a carga de traballo para os próximos dez anos cos novos modelos V20 e K9, a industria da automoción en Galicia debe “ir por diante” e estar na “vangarda” do sector, dando “respostas en materia de competitividade” e contando con máis oportunidades para abrir novos mercados a nivel internacional. Na actualidade, o sector do automóbil representa en Galicia o 13% do emprego industrial, con máis de 19.000 empregos; o 15% do PIB; e o 31% das exportacións.