INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA PUBLICA NO DOG O NOVO DECRETO QUE REGULARÁ A CERTIFICACIÓN ENERXÉTICA DOS EDIFICIOS EN GALICIA

29/09/2016

 - O regulamento inclúe a posta en marcha dunha aplicación informática que permitirá unificar a tramitación necesaria para o rexistro dos certificados e facilitará a consulta pública da etiqueta de eficiencia nos inmobles inscritos.

Santiago, 29 de setembro de 2016.- A Xunta vén de publicar hoxe no DOG o novo Decreto que regulará a certificación enerxética dos edificios en Galicia e que, ademais de simplificar os trámites a realizar durante o rexistro dos certificados, inclúe a posta en marcha dunha aplicación informática para a tramitación unificada dos expedientes, facilitando así a consulta pública da etiqueta de eficiencia en materia de enerxía dos inmobles inscritos.
 
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), segue a impulsar medidas para mellorar a eficiencia enerxética e para fomentar a mellora da calidade das edificacións, o que permitirá rebaixar os indicadores de intensidade enerxética e de emisións de dióxido de carbono (CO2). Ademais, coa entrada en vigor deste Decreto, que será efectiva dentro de 20 días desde a publicación no DOG, ofrécese información pública e transparente do comportamento enerxético dos inmobles a través do Rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.
 
Para facilitar a tramitación do procedemento para a inscrición dos certificados, o Decreto inclúe a posta en funcionamento da aplicación informática RGEEE. Esta medida contribuirá a unificar a tramitación dos expedientes de inmobles de nova construción e dos existentes a través dunha comunicación previa que se fará de xeito exclusivamente electrónico a través da nova aplicación, o que permitirá a obtención da etiqueta enerxética rexistrada dunha maneira rápida e sinxela. De feito, o novo Decreto inclúe tanto os edificios de nova construción como os edificios ou partes de edificios existentes que se vendan ou aluguen a un novo arrendatario.
 
Este rexistro de certificados de eficiencia enerxética tamén facilitará á Administración autonómica a realización dos labores de inspección e control técnico e administrativo. Na actualidade, segundo os últimos datos dos certificados de eficiencia enerxética, os edificios existentes rexistrados en Galicia son 90.138, aos que se suman 866 inmobles de nova construción. 

Plan de aforro
A Consellería de Economía, Emprego e Industria xa ten en marcha o Plan de aforro e eficiencia enerxética nas vivendas galegas, cuxo orzamento ampliouse este ano en 4 millóns ata acadar os preto de 12 millóns de euros. Este plan inclúe apoios para a mellora das infraestruturas e o emprego de fontes de enerxía renovables. Así, permite impulsar proxectos de substitución ou mellora de fiestras, cubertas, fachadas e ascensores, ao tempo que fomenta o uso de fontes renovables e limpas: a biomasa, a xeotermia, a solar térmica e a aerotermia. 
 
Ademais, a Xunta, a través do Igape, mantén aberto ata o 15 de outubro o prazo para presentar solicitudes para o programa Reforma 16. Xa se recibiron máis de 2.500 peticións de axuda para a mellora de cociñas ou baños. Este programa inclúe axudas que suporán rebaixas de arredor do 40% nos custos de materiais e mobiliario, favorecendo a demanda, así como a actividade e o emprego entre os autónomos e as pemes da construción.